O BNG de Viveiro preguntarálle ao goberno local cando gravará os plenos

Fai dous meses aprobouse en pleno a moción do BNG sobre a gravación e a retransmisión das sesións plenarias e a formación preguntará no vindeiro pleno ao goberno municipal socialista en que grao de execución se atopa a posta en marcha deste servizo pensado para que os veciños participen.

A moción tamén incluía facilitar a participación das veciñas e veciños a través da creación do denominado escano da veciñanza, para que puidesen expresar directamente no pleno as súas queixas, demandas ou propostas en primeira persoa. Si se aprobou a gravación dos plenos, mais rexeitouse o devandito escano cos votos en contra do PP e a abstención do resto de partidos políticos que conforman a corporación municipal; PSOE, Por Viveiro e Son Viveiro.

Co obxecto de mellorar o acceso das veciñas e veciños aos debates, o BNG de Viveiro preguntará no vindeiro pleno ao goberno municipal en que grao de execución se atopa a posta en marcha do sistema de gravación e retransmisión das sesións plenarias. “Dende o BNG vémolo como unha ferramenta básica para que a veciñanza coñeza e se implique na toma de decisións que lles afectan directamente no seu día a día”, aclara a concelleira Míriam Bermúdez, que expuxo, negociou e debateu esta moción en pleno.

Etiquetas