Viveiro traslada a Infraestruturas as queixas que a Policía Local recibiu da LU-102

O Concello de Viveiro remitíulle á Axencia Galega de Infraestruras unha copia do informe emitido polo Xefe da Policía Local co obxecto de mellorar a seguridade vial da estrada LU102 ao seu paso pola zona do Pirixel, tras queixas veciñais suscitadas a esa Xefatura policial.

O punto no que se considera necesario mellorar a seguridade vial é o identificado como punto quilométrico 0,670, no que se configura unha única plataforma con dous carrís de circulación separados por liña lonxitudinal continua, ao igual que a delimitación de borde. É un tramo de curva pronunciada a dereita con posterior pendente ascendente en tramo sinuoso de curvas e paso por debaixo dunha ponte de ferrocarril.

Na marxe dereita (segundo sentido kilométrico) hai un talude elevado e no esquerdo, un desnivel en forma de terraplén pronunciado con vivendas na parte inferior, como sinala o Concello. No carril de sentido decrecente presenta bandas de alerta de reducción de velocidade antes da curva, expón.

Unha posible saída de vía dun vehículo que circulase en sentido decrecente, no punto indicado, provocaría o desprendimento deste por un terraplén de altura considerable hacia a liña de edificiacións, engaden dende o concello vivariense.

A medida de sinalización proposta é a instalación de barreiras de seguridade, tipo bionda de dobre protección, no tramo indicado.

Déuselle traslado a esa administración, como titular do vial, solicitando que á maior brevidade posible se adopten as medidas oportunas para solventar esta situación.

Etiquetas