Aseguran que aumentou a cota pesqueira durante un encontro en Cervo con representantes do sector

O PP traslada ao sector pesqueiro da Mariña a necesidade de gobernar tamén en Madrid “para que se deixe de facer política coa pesca e si facer política pesqueira como facemos en Galicia”. Así o destacou o candidato ao Congreso, Joaquín García Díez, no marco dun encontro mantido esta mañá en Cervo con representantes do sector. 

Os  populares analizaron así a situación pola que atravesa este colectivo, marcada, dixo a conselleira de Mar, Rosa Quintana, por “un final de ano complicado cos TAC, cotas e o Brexit”. Namentres que, entre 2005 e 2009 se perderon o 55% das toneladas que se podían pescar e do valor das cotas en prezos de primeira venda, no período 2009-2019, no que Galicia tivo presenza nos Consellos de Ministros de Pesca da UE representando ás CCAA en seis semestres, gañouse un 90% de cota, o que supón un aumento dunhas 118.095 toneladas, Tn, (sobre as 145.664 coas que se contaba en 2009).

A Mariña ten case o 75% da frota de augas do Gran Sol con porto base en Galicia e factura o 71% do montante global da pescada que se desembarca en Galicia.

De cara ao novo período político, o popular renovou o seu compromiso co sector pesqueiro ofrecéndolles diálogo permanente e a colaboración do seu Grupo ante os novos retos que xa se atisban. 

Por todo elo, Rosa Quintana apelou “a concentrar o voto para seguir traballando con eficacia diante do Brexit dentro do grupo que creou a Delegación do Goberno, pese a que nun principio non nos incluíron”.  “Estamos atentos pero sobre todo estamos co sector. Por iso, é necesario un goberno do PP para que se poida avanzar na renovación da frota, o regulamento de control e se nos escoite máis, pois foi un eurodeputado do PP quen logrou sacar un informe no Parlamento que recollía o 80% do que pedía o sector galego nun ditame sobre o regulamento de medidas técnicas. A fichaxe horaria é unha incongruencia máis porque non din como contabilizar as horas que pasa un mariñeiro a bordo…as que durme, as que vai navegando… Por iso, é necesario un Goberno que dea a talla en Europa e en España tamén”, precisou.

Trátase, sinalou Quintana, de acadar “un Goberno que goberne e xestione”, tal e como se está a facer dende a Xunta de Galicia presentando uns orzamentos para o vindeiro ano, nos que o importe da consellería do Mar sube un 3,4% e se blindan organismos tan importantes par ao sector como o INTECMAR, o CETMAR e Gardacostas. 

O programa de infraestruturas pesqueiras aumenta a súa partida un 8% e tamén se fai unha aposta decisiva polo apoio na transformación e a comercialización, co fin de aumentar a competitividade do sector. A este fin destínanse axudas por valor de máis de 38 millóns de euros. Tamén aumenta a dotación para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca, ligado aos GALP e á diversificación e complementación da socioeconomía costeira.

As lonxas da Mariña moven unhas 3.000 persoas entre todas as que interaccionan nelas, polo que as converte nun dos pulmóns económicos da comarca. Tal é así que Lugo desembarca case o 25% da pesca fresca de Galicia. Ten produción acuícola fundamental para ser líder no rodaballo e no linguado e ten unha cadea de transformación en conxelado que está dando exemplo con novos produtos, así como as dúas primeiras lonxas do Cantábrico.

Etiquetas