O grupo teatral Os Trocos de Castro de Rei actúa este sábado en Burela

O Grupo de Teatro Os Trocos, de Castro de Rei, achega a Burela a súa obra Unha noite de primavera sen sono, este sábado 9 de novembro ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Burela. A entrada será libre e para todos os públicos, dentro do programa Buxiganga Proxecto Teatral Afeccionado 2019.

Este grupo xurde no ano 2012 en Castro de Riberas de Lea ao abeiro da súa Escola de Teatro Municipal. Desde aquela, levan representado as obras Falamos de cartos, Camping Gas, Almacéns Nova Chaira, Bar Varela :almorzos e cubatas, Full Monte e Farsa Plautina.

Nesta actividade teatral tamén se inclúe a montaxe de comparsas de Entroido, gañando varios premios galegos.

O grupo está composto por dezasete actrices e actores de diversas idades. As obras son en moitas ocasións de creación propia e están dirixidas por Iria Acevedo e Guillermo Cancelo. O seu obxectivo é entreter, formar,  xerar cultura e difundir as artes escénicas para fidelizar a un público que aumenta con cada unha das súas creacións.

Unha noite de primavera sen sono é a última proposta deste grupo. Mariano e Alexandra son un matrimonio que entra nunha forte crise tras unha discusión que ten lugar no dormitorio conxugal. Esa noite, Mariano decide abandonar a casa entre ameazas de divorcio. Inmediatamente entra polo balcón Valentín, individuo en dificiles circunstancias. Seguidamente unha recua de personaxes estrafalarios desfilarán polo escenario complicando a trama. É unha obra de Eusebio Jardiel Poncela, dirixida por Guillermo Cancelo, con 14 intérpretes e dirixida a todos os públicos.

 

Etiquetas