O ribadense Iván Lindín foi recibido no Concello tras gañar unha medalla en Tiro Olímpico

O Concello de Ribadeo ofreceu unha recepción a Iván Lindín Rodil pola medalla de ouro conseguida en R1 e pola medalla de prata en R3 acadada no Campionato de España de Tiro Olímpico, que se celebrou en La Rioja. O alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, destacaron os éxitos conseguidos nos últimos anos por este deportista ribadense, ao que lle entregaron unha reprodución da fachada da Casa do Concello. Iván Lindín agradeceu o acto. 

O rexedor ribadense salientou que “xa é un clásico recibir a Iván Lindín con todos estes recoñecementos que merece por varios motivos, por unha banda polo esforzo abnegado do que é este deporte concreto. Trátase dun deporte que require moita concentración, moito entreno, unha técnica moi alta, non vale ser moi bo, hai que ser o mellor ou dos mellores, e iso hai moi poucos, iso pódese alcanzar nun momento da vida pero durante varios anos manter ese nivel, hai moi poucas persoas que o poden facer. Dicir que por outra banda o esforzo ven tamén porque é un deporte minoritario. Sabemos, porque Iván sempre nolo di, das dificultades para adestrar, hai poucos lugares adecuados para iso. Nosoutros desde o Concello facemos o que podemos, seguro que podemos facer máis, supoño que algo poderemos mellorar no futuro, pero non o podo garantir. Eu sei que Iván ten o noso compromiso no que estea na nosa man de intentar facelo porque merece todo isto e moito máis. Quixemos facerlle un recoñecemento singular porque está moi ben o que facemos anualmente, que fixemos o outro día con todo o mundo, pero quixemos facerlle este singular porque o merece”.

O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, dixo que “este recoñecemento a Iván xa parece algo normal, unha recepción típica. Queremos darlle a noraboa por ser outra vez campión. Xa fora de carabina de 3×40 e de carabina de tendido. Queremos dignificar de novo a amplitude de variedade do deporte en Ribadeo. Para min Iván ten un mérito diferente ao resto por tan repetido e por tantos anos na elite seguido”. 

O deportista Iván Lindín quixo “agradecer como sempre, o mesmo este detalle que calquera outra felicitación ou encomio. Practico un deporte moi minoritario, aquí non hai axudas, non hai nada. Se falamos de Ribadeo non hai nada cerca, todo está lonxe. Son moitos desprazamentos ao longo do ano, moitos viaxes, moito gasto de gasolina e moito gasto de hoteis. Pero como eu teño, non sei si a desgraza de que me guste moito isto, e como son cabezudo a máis non poder, pois sigo aí turra que turra”.

Etiquetas