Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Representantes do turismo ‘slow’ do norte de Galicia xuntáronse en Barreiros

Por 10 Novembro, 2019Sin comentarios

O Turismo Slow Norte de Galicia fai unha valoración positiva do traballo realizado ao longo deste 2019. Esta semana tivo lugar unha xuntanza en Barreiros da que saíron as conclusións dos participantes. O Turismo Slow Norte de Galicia prima o compromiso co medio ambiente, coa calidade e a implicación co proxecto. 

No 2015, as Mancomunidades de Ferrolterra e Mariña Lucense, co apoio da Axencia Turismo de Galicia, puxeron en marcha un proxecto pioneiro en Galicia e tamén en España o Turismo Slow Norte de Galicia. Onte tivo lugar unha das reunións das empresas turísticas participantes nun dos aloxamentos pertencentes á rede, A Lume Manso, sita no concello de Barreiros. Dende fai tempo, as xuntanzas de traballo realízanse nos propios aloxamentos, co fin de traballar nun ambiente distendido, fortalecer as redes de colaboración entre os participantes na rede e propiciar o intercambio de experiencias e de coñecemento entre as persoas anfitrioas dos aloxamentos. 

Durante a xuntanza realizouse unha análise e valoración dos resultados das accións realizadas durante esta anualidade e traballouse na planificación estratéxica de cara ao vindeiro ano.

A implicación dos operadores turísticos deu como resultado a mellora e a innovación dos servizos. Polo que entre as accións realizadas no ano 2019, destacan entre outras, dúas iniciativas que serviron de experiencia piloto para o Turismo Slow nos destinos Mariña Lucense e Ferrolterra. 

Por unha banda, a colaboración de Ingrid, que puxo en marcha o proxecto Deliciosamente Rural, e ofreceu un curso dirixido ao sector, especialmente aos aloxamentos, sobre almorzos veganos, saudables e saborosos e a colaboración con María da Casa de A Pasada (aloxamento pertencente á rede), que impartiu un curso sobre a xestión de redes sociais.

Outra das accións realizadas, foi a participación dos aloxamentos da rede tanto da Mariña Lucense como de Ferrolterra, no FamTrip da Ruta da Faba, organizado pola Mancomunidade da Mariña Lucense en colaboración coa Cooperativa Terras da Mariña, que ademais de dar a coñecer de preto os recursos patrimoniais, culturais e gastronómicos do territorio, facilitou o contacto e establecemento de sinerxías tanto coas entidades participantes como cos operadores turísticos e empresas de receptivo que asistiron á xornada. 

O Turismo Slow Norte de Galicia é un proxecto de participación voluntaria para aquelas empresas de aloxamento que cumpran os requisitos e, sobre todo, que teñan a motivación e ilusión necesarias para participar nun proxecto colectivo deste tipo e que fagan un triplo compromiso: o Compromiso ambiental, de sostibilidade e coidado do entorno, o Compromiso coa calidade (priorizando a calidade dos aloxamentos e a profesionalidade das persoas responsables deses aloxamentos), e o Compromiso co proxecto, que se refire á implicación e o interese pola consolidación do mesmo.

Na actualidade, participan no proxecto un total de 45 aloxamentos, dos cales 23 pertencen ao Xeodestino da Mariña Lucense, e concretamente aos concellos de Barreiros, Burela, Foz, Viveiro, Trabada, A Pontenova, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro e O Vicedo.

A través dos aloxamentos que forman parte do proxecto, constátase que cada vez se incrementa mais o número de persoas que demandan esta forma de viaxar e que buscan estancias máis longas para poder gozar dunha inmersión cultural completa no destino. 

Ademais, neste senso hai que resaltar a boa marcha do proxecto xa que non só se incrementa o número de viaxeiros que demandan esta forma de viaxar, senón que tamén están a contactar con nós entidades e empresas que se interesan pola compra de bonos de turismo slow como agasallo para a súa clientela ou para o seu persoal.