Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAXoveZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A campaña ‘Míranos’ chega a Xove

Por 14 Novembro, 2019Sin comentarios

O vindeiro venres 15 de novembro ás 20.30 horas no Concello de Xove, terá lugar o acto Míranos. Emprendemento e Comercio Local, que ten cos seguintes obxectivos de fomentar o consumo local e transmitir a importancia da innovación para as pequenas empresas.

O acto será presentado polo alcalde José Demetrio Salgueiro, a continuación a axente de emprego e desenvolvemento local dará a coñecer as accións que compoñen a campaña chamada Míranos. Emprendemento e Comercio Local para dar paso a dúas emprendedoras que exporán a propia experiencia emprendedora e empresarial: Nieves Medina de Conservas Artesanas Curricán, emprendedora local, fará a súa intervención que leva por título Tradición e Innovación no local e Elena Ferro de Eferro, emprendedora invitada, falará de emprender e dignificar dende o local. 

A este evento porá música o Grupo Vocal SondeNós que interpretará as pezas do seu traballo Identidade.

No acto presentarase a campaña de Nadal que o Concello organiza para este ano e que consiste na entrega dun papel de envoltorio deseñado polo debuxante Primitivo Marcos para que utilicen todos os comercios que o desexen ofrecendo así unha imaxe conxunta nos agasallos de Nadal (este papel de envoltorio foi realizado con subvención de Xunta de Galicia ao abeiro do programa Xove emprende en galego); por outra banda presentarase o Concurso de escaparatismo deste Nadal.

O evento estará presidido por un escaparate conxunto que se instalará para a ocasión con produtos e servizos de todos os comercios e negocios que quixeron mostrar todas as posibilidades que ofrecen para agasallar neste Nadal comprando en Xove.

Nieves Medina é unha das promotoras de Conservas Artesanas Curricán, un obradoiro de elaboración artesanal de conservas de produtos pesqueiros situado no Parque Empresarial de Xove. Acaba de recibir un dos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais, concedidos polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e que foi entregado o 16 de outubro pola vicepresidenta do goberno en funcións Carmen Calvo.

Conservas Artesanas Curricán é unha Iniciativa Local de Emprego apoiada polo Concello de Xove, que empezou a súa andadura en 2012 e que se transformou nunha empresa consolidada creando emprego e aportando valor engadido aos produtos da pesca local. Unha das súas claves de éxito é a continua aposta pola innovación en canto a diversificación e presentación de novos produtos, formas de comercialización, formalización de sinérxias con colectivos de produtoras, promoción dos seus produtos,…

Elena Ferro é unha emprendedora que, desde un obradoiro artesán familiar de zocos situado en Merza, unha pequena aldea rural, reinventou o calzado tradicional que pasou de ser un produto menosprezado a ser un artigo de moda, chegando a calzar a noivas e ser protagonista de pasarelas e escenarios. A emprendedora utilizou a innovación para deseñar zocos atractivos e tamén novas formas de comercialización. A súa empresa está seleccionada como unha das finalista dos Premios Nacionais de Artesanía que se entregarán o próximo 4 de decembro en Madrid pola Ministra de Industria, Comercio e Turismo en funcións, Reyes Maroto. 

SondeNós, é un grupo vocal formado recentemente en Viveiro pero que xa ten actuado en diferentes localidades dentro e fóra de Galicia e de España. Na súa actuación de Xove interpretará as pezas do seu traballo Identidade.

Primitivo Marcos é historietista e debuxante de Viveiro que ademais de deseñar un amplo número de carteis conta entre as súas obras con bandas deseñadas como Aventura no camiño de Santiago (El Patito editorial) e a serie Os Fernández (Suplementos Golfiño e Galimatías).