Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

A Deputación traballa no acondicionamento de estradas provinciais polo temporal de neve e choiva

Por 14 Novembro, 2019Sin comentarios

A Deputación de Lugo traballa no acondicionamento de máis de corenta estradas da súa titularidade en 12 concellos debido ao temporal de neve e choiva que afecta á provincia. Coa finalidade de atender con rapidez as incidencias ocasionadas polo mal tempo e garantir así a seguridade viaria, están despregadas 3 máquinas quitaneves e 3 vehículos todoterreo con material de apoio nos municipios da Montaña e do Sur de Lugo. En cada unha do resto de zonas está operativa unha máquina quitaneves e un todoterreo.

O presidente da Deputación, José Tomé, que dirixe a área de Xestión Territorial, informa de que “se está traballando coa maior celeridade posible para atallar os problemas que este temporal está deixando nas estradas da provincia”. “A maior dificultade agora mesmo está nas vías de Cervantes, onde as capas de neve superan os 15 centímetros, e tamén en Pedrafita do Cebreiro, onde xa se acadan os 10 centímetros”. 

Por outra banda, en Viveiro, os servizos de Xestión Territorial traballan para restablecer o tráfico na a estrada LU-P-6604, na parroquia de Magazos, que está cortada en dous puntos debido a desprendementos de terra que impiden o tránsito normal de vehículos por esta zona. 

Tamén debido ás intensas choivas, están cortadas dúas vías provinciais en Cospeito. Trátase das estradas LU-P-1701 e LU-P-1112, que se atopan asolagadas debido ao desbordamento do río Miño neste punto. Os cortes están debidamente sinalizados por precaución e así o estarán ata que o tempo mellore e se poida garantir a correcta e segura circulación por elas. 

Tomé Roca informou de que a administración provincial activou un dispositivo que leva consigo poñer a disposición dos Concellos da provincia sal de mina para que poidan atender as emerxencias ou causas sobrevidas que se produzan nas estradas municipais debido a estas condicións meteorolóxicas adversas. O Presidente explicou que con esta iniciativa “garantimos non só que as vías provinciais se manteñan limpas e fóra de risco, senón que tamén os Concellos poidan afrontar situacións de emerxencia ou causas sobrevidas en calquera estrada subministrándose dos silos que a Deputación ten por todo o territorio provincial”. 

Estes depósitos atópanse en Ourol, O Valadouro, Riotorto, Lugo, Becerreá, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, A Fonsagrada e Ribas de Sil. Cada un destes almacéns dispón nestes momentos de 30 toneladas de sal de mina. De persistir a situación e esgotarse estes recursos, a Deputación ten previsto establecer uns puntos de provisión de sal mariña alternativos que se trasladarían dende a Zona Franca do Porto de Vigo.  

Todos os Concellos que precisen abastecerse de fundentes por razóns de urxencia deberán dirixir unha solicitude previa ao Coordinador de Emerxencias da Rede Viaria Provincial co obxectivo de dar unha resposta eficaz e axeitada a cada unha das peticións, así como facer un control ordenado dos recursos.