Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Apaga poñerá en marcha a partir do 2020 unha plataforma de formación online

Por 16 Novembro, 2019Sin comentarios

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) poñerá en marcha no mes de xaneiro de 2020 unha plataforma de formación online para impartir a súa formación. APAGA continuará este sábado, 16 de novembro, coas súas fins de semana tecnolóxicas cun curso de diagnose con osciloscopio. Ademais o día 20 de decembro organizará outro sobre aplicación de pintura no automóbil.

O presidente de APAGA, Álvaro Doural, anunciou que “seguindo co ciclo de formación das fins de semana tecnolóxicas este próximo sábado, día 16, imos ter un curso de diagnose utilizando o osciloscopio, que é unha técnica bastante avanzada. Van participar principalmente profesores. Son quince prazas que están cubertas. Neste momento xa está en marcha outro curso que se fará a finais de xaneiro precisamente pola gran demanda que tivo este, para dar resposta ás necesidades formativas e ás solicitudes da xente, tanto de técnicos de empresa como profesores”.

Doural contou que “tamén se vai facer outro curso o 21 de decembro sobre aplicación de pintura nos automóbiles, que é moi interesante e moi demandado, dado a gran necesidade que hai neste momento especialmente de pintores nas empresas da Mariña. Poderase acceder ao curso a través da nosa web, do correo electrónico da asociación que é apagaribadeo@gmail.com ou ben do teléfono 639 88 49 45. Despois nosoutros nos poñemos en contacto co interesado e iniciamos o proceso de solicitude e matrícula no curso”. 

O presidente de APAGA subliñou que “a partir de xaneiro de 2020 tamén se vai poñer en marcha unha plataforma online para realizar principalmente este tipo de cursos e potencialos máis. Toda a parte que é conceptual deste cursos que se están dando as fins de semana, que son oito horas, sería online. É unha nova experiencia na que a asociación vai investir toda unha serie de recursos humanos e económicos para poñer en marcha esa plataforma que dará resposta a outro tipo de demandas. Vai ir enlazada co proxecto europeo sobre vehículo eléctrico que se iniciou a semana pasada en Zagreb, no cal se van colocar aí tamén todos os produtos que se van elaborar”.

Álvaro Doural dixo: “pensamos que é un camiño que se pon en marcha neste momento e que vai ter, esperemos, resposta porque imos intentar poñer produtos de alta calidade. Estes cursos de fin de semana están tendo unha gran acollida pola súa calidade, temos uns relatores moi bos, cunha gran experiencia laboral e unha excelente formación. Entón a novidade de 2020, entre outros proxectos que se están aí esperando, vai ser a nova plataforma de formación que empezará a funcionar a partir do mes de xaneiro”.