Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Cervo aproba inicialmente o Plan Especial de Protección do Xacemento da Atalaia

Por 20 Novembro, 2019Sin comentarios

A Xunta de Goberno Local do Concello de Cervo aprobou inicialmente o Plan Especial de Protección do Xacemento da Atalaia, inventariado pola Dirección Xeral de Patrimonio no ano 2007, e situado na zona costeira do núcleo urbano de San Ciprián.

O documento foi referendado logo de recibir os informes favorables dos organismos correspondentes que son, neste caso, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo; a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; a Dirección Xeral de Mobilidade, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

Este novo paso dado responde ao obxectivo primordial fixado polo equipo de Goberno que non é outro que o “de preservar e poñer en valor o Castro da Atalaia, como unha das pedras angulares do patrimonio cultural que atesoura o noso municipio, polo seu carácter histórico e o seu singular valor arquitectónico”.

Neste sentido, o Plan, que delimita toda a zona afectada polo xacemento -20.000 m2-, regula os usos permitidos, compatibles e prohibidos sobre os elementos protexidos; e a execución das actuacións de recuperación, rehabilitación ou mellora da superficie a preservar; entre outros aspectos”.

Agora ábrese un período de información pública do documento durante un prazo de dous meses, e queda suspendido o outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio obxecto do plan.

Villares explicou hoxe estes avances ao respecto das medidas de protección que se van aplicar na zona do Castro da Atalaia, e avanzou os obxectivos específicos que establece este plan que pasan por “transformar o xacemento nun parque-museo arqueolóxico urbano; garantindo a adecuada conservación das estruturas orixinais, expropiando as parcelas necesarias para que o ámbito sexa de propiedade pública, o que nos permitiría demoler as edificacións que hai na zona”, con todo isto –engadiu- “conseguiríamos un novo recurso de turismo cultural de gran relevancia para a nosa zona”.

O rexedor precisou que o plan primará a protección integral do xacemento  sobre calquera outro criterio de desenvolvemento urbano, garantindo unha mínima intervención no mesmo de cara a favorecer o desfrute do asentamento.