Skip to main content

Por Lara Real Lema

Quizais cando pensamos en violencia de xénero pensamos só nos crimes machistas que aparecen nas noticias. Hai outros tipos de violencia. Pequenos comportamentos cotiás que deberían facernos reflexionar sobre o necesario que é educar para deter esta lacra. Estou segura que moitas de nós vivimos nalgún momento das nosas vidas cousas parecidas ás que seguen.

Naquela festa estaba o rapaz ao que miraba de reollo polos corredores do instituto. Falaron, se riron e comezaron a bicarse. Non se lembra que foi o que fixo que se sentise incómoda pero está segura que lle pediu que parase. Non o fixo. Ao día seguinte cando llo contou as súas amigas algunhas pensaban que o rapaz pasárase da raia porque non parou cando ela llo dixo; outras dicían que si se bicaba con el xa sabía o que viña despois, e non a magoara nin lle rompera a roupa, así que o seu “non” seguramente non fora tan tallante como recordaba.

Estaba na cafetería da facultade partillando cuns compañeiros e decidiron subir a foto ás redes sociais. Cando chegou ao piso no que vivía, o seu mozo estaba esperándoa. Enfadado e entre berros preguntoulle con cal daqueles rapaces se quería deitar “só estabamos falando” dicía ela. Insultouna e foise. A súa compañeira de piso saíu a consolala e lle dixo que iso era que tiña medo de perdela e que non debía tomalo a mal.

Camiñaba tranquila pola rúa cando alguén lle berrou algo sobre os seus peitos. Con vergoña cruzou o abrigo e apurou o paso. Cando o contou ao chegar ao traballo unha das súas compañeiras díxolle “muller, se non queres que che digan nada non te vistas así”.

Estando pola noite nun bar tocáronlle o cu, virouse enfadada e respondeu de malas formas. Na barra había dous tipos sorrindo “vaia xeito de falar para unha señorita” dixeron. A súa amiga riuse, e lle dixo “aproveita, dentro de 10 anos ninguén cho vai querer tocar”

Unha noite, indo cara a súa casa, un coche pasou ao seu carón, moi a modiño, “ola guapa” lle dixeron, viu que había tres rapaces no vehículo, non contestou e seguiu camiñando. O coche deu a volta e se parou ao final da rúa. Ela púxose nerviosa e botou a correr ata que entrou nun bar e chamou a súa nai para que a viñera a buscar, “¿pero como se che ocorre vir camiñando soa a estas horas?” lle dixo.

Nun momento determinado da súa vida gravou un vídeo íntimo coa que era a súa parella do momento. A relación rematou e el ameazouna con publicalo por redes sociais, “¿pero como se che ocorre facer iso?” díxolle unha amiga á que llo comentou.

Moitas mulleres teñen medo cando voltan soas á casa, cruzan a beirarrúa se escoitan pasos tras elas, algunhas levan o móbil co 112 marcado ou inventan conversacións, outras levan as chaves na man para poder defenderse. Nos bolsos doutras podemos atopar chifres ou sprays de pementa… vivimos nunha sociedade que nos obriga a protexernos a través do medo e da culpa.

O 25 de Novembro é o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Ogallá chegue o día que non teñamos que ter medo.