Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O orzamento de Mondoñedo para 2020 será máis social e realista

Por 25 Novembro, 2019Sin comentarios

O goberno municipal de Mondoñedo, presidido por Elena Candia, ten preparado o proxecto de orzamento municipal para 2020, que ascende a 3.639.598,52 euros, equilibrado en ingresos e gasto. É un orzamento, segundo destaca a alcaldesa, de “marcado carácter social en tanto que centra ás persoas como a prioridade do destino dos recursos económicos do noso Concello”. As inversións, sumado o capítulo VI ás obras que está previsto executar e que non figuran nese apartado por, entre outros motivos, descoñecer aínda as aportacións doutras administracións, chegarán probablemente aos 755.000 euros.

A alcaldesa, con respecto ao carácter social do orzamento, resalta en primeiro lugar a partida destinada ao servizo de axuda no fogar. Candia pon en valor que “este servizo atende a máis de 110 usuarios e xera 25 postos de traballo”. Igualmente, a voceira do goberno e concelleira de Benestar e Facenda, Ángeles Rodríguez, engade que “estes orzamentos contribúen a consolidar o benestar dos nosos maiores e da poboación en risco de exclusión social” e mostran “o compromiso que temos co incremento dos servizos sociais entre os que se atopan o centro de menores e o transporte do centro de día, financiado con fondos do Concello”, entre outros servizos.

Rodríguez, por outro lado, explica que o incremento que representa o capítulo I, é dicir, os gastos de persoal se debe “á aplicación do novo convenio e a RPT; polo que o Concello ten que facer fronte á mellora das retribucións dos seus traballadores”. Segundo defende a edil de Facenda, “dende o Concello sempre tentamos xestionar do modo máis eficiente posible os recursos humanos municipais, desde o respecto máis escrupuloso aos dereitos laborais e económicos”.

“As inversións recollidas nestes orzamentos teñen como obxectivo mellorar as infraestruturas do municipio e, sobre todo, mellorar a calidade de vida de tódolos mindonienses”, manifestou a rexedora local.

Así, o capítulo de investimentos, o VI, totaliza 257.632 euros, dos que 62.633 corresponden a fondos propios do Concello. Neste apartado figura entre outras obras a renovación do alumeado público exterior do casco histórico de Mondoñedo, por importe de 172.767 euros, dos que o Concello aporta 34.553 euros.

Ao marxe das actuacións que figuran no capítulo VI están programadas polo Concello outras relevantes como é o acondicionamento da Praza da Catedral, que ten un orzamento de 258.739 euros dos 64.684 euros son fondos propiamente municipais. Igualmente, está prevista a execución do proxecto para a mellora da eficiencia e aforro de enerxía no alumeado ornamental da Catedral, que ten un custo de 156.311 euros, dos que 125.049 euros serán financiados polo IDAE.

No proxecto de orzamentos para 2020 non se inclúen, como xa se indicou, a totalidade das inversións previstas. Entre outros motivos porque se descoñece o alcance concreto das subvencións procedentes doutras administracións, tales como o Plan Marco, para o que se estima unha partida de 83.000 euros. A alcaldesa, Elena Candia, di que, ademais de orzamentos profundamente sociais, son “realistas e prudentes”. Cita igualmente o Plan Único, que na edición do presente ano totalizou 301.862,80 euros.

A presidenta da corporación municipal anuncia, por outro lado, que se inician os trámites para rebaixar a carga impositiva aos veciños de Mondoñedo. Indica que no vindeiro pleno se abordará “o primeiro paso para aplicar unha redución ao imposto de plusvalía ao máximo posible, é dicir, o máximo que nos permiten os informes técnicos”, aclara.