Os socialistas da Pontenova denuncian que no centro de saúde atende só un médico

O alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, denunciou que os veciños da vila sofren os recortes sanitarios do Goberno de Feijoo e do PP. “Dende fai mais dunha semana só hai un medico para atender aos pacientes da vila. Primeiro suprimiron unha praza das tres que había, e agora un está de baixa e non a cobren”, advertiu o rexedor.

Así as cousas replica que “a famosa lexislatura do rural de Feijóo estámola  sufrindo dia a dia os pontenoveses como se pode comprobar. Hoxe podemos constatar que non estamos na axenda sanitaria do PP, xa que 2.300 veciños están sendo atendidos por un só médico”, insistiu.

“Calquera usuario que queira ser atendido no centro de saúde da Pontenova estes dias, ten que esperar unha media de 4 días para ser atendido na consulta médica. Sen esquecer que estamos nunha época do ano con picos de moita afluencia por mor do inverno e da campaña da vacinación da gripe”, argumentou Campos.

“Os nosos maiores, e toda a poboación en xeral, merecemos unha sanidade de calidade, non podemos dar ás costas aos veciños cun dereito que ten ser prioritario para todas e todos, vivamos onde vivamos. Por iso quero facer un chamamento á Conselleira de Sanidade para que tome cartas no asunto, e cubra na maior brevidade esta praza”, resumiu o alcalde. 

Etiquetas