Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Mercado do Nadal de Ribadeo será do 5 ao 8 de decembro

Por 2 Decembro, 2019Sin comentarios

O XVI Mercado do Nadal terá lugar do 5 ao 8 de decembro no parque de San Francisco, en Ribadeo. O evento foi presentado hoxe polo concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso. Como novidade haberá un recuncho Arte_San, que será unha illa gastronómica con sabores da zona, na que ademais haberá charlas e tamén degustacións. Na tradicional cita haberá produtos ecolóxicos e artesanía, actuacións musicais e obradoiros para os máis pequenos e pequenas.O edil ribadense agarda que o Mercado do Nadal traia moita xente a Ribadeo e que encha as rúas de ledicia.

Vizoso explicou que “o próximo xoves, 5 de decembro, ás 17 horas da tarde abre as súas portas a XVI edición do Mercado do Nadal, unha cita xa ineludible en Ribadeo, onde a luz, a cor e o mercado tradicional son a súas sinais de identidade. O alumeado de Nadal e as 28 casetas de madeira, dúas máis que en anos anteriores, esperan sorprender coas súas creacións e delicias gastronómicas. Trátase dun dos eventos imprescindibles na Mariña con postos de artesanía, actuacións musicais e unha zona especial e novidosa que denominamos #Arte_San”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo manifestou que “como un aliciente máis para visitar Ribadeo durante estes días festivos, do 5 ao 8 de decembro, 28 expositores mostrarannos o seu traballo no parque de san Francisco de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. Confiamos en que esta iniciativa volva atraer a veciños e veciñas e visitantes, repercutindo no comercio e na hostalería local e enchendo as rúas de ledicia. O traballo ben feito, a man e con delicadeza, marcan sempre a diferenza e fan único a un produto ou servizo e, polo tanto, ao cliente que o compra, esa é a base que seguimos á hora de desenvolver este mercado navideño”.

O edil contou que “no Mercado do Nadal poderemos atopar postos onde comprar agasallos de todo tipo, como artesanía en madeira, complementos, decoración do Nadal, xoiería en prata, cerámica, produtos de alimentación tradicional e artigos de coiro, entre outros. Entorno a el, un amplo e interesante programa de actuacións musicais e espazos creativos no que se organizan actos para todas as idades, como obradoiros e actividades tradicionais e colaborativas”.

Vizoso dixo: “así comezamos o xoves, e Amigos da Gaita Galega será o encargado de inauguralo ás 18.00 horas, de seguido haberá pasarrúas de Zúmballe da charanga A Choca. O venres 6 nos arredores do Mercado gozaremos da actuación musical da charanga Louband, das máis recoñecidas de Galicia. O día seguinte, o sábado,  ás 19.30 horas no quiosco da música, toca cambio de estilo co grupo Swing Parade, e xa para rematar co plano musical, o domingo teremos unha vistosa sesión vermú de tango a cargo de Loca Bohemia. Ademais, en colaboración coa Área de Cultura do Concello de Ribadeo o venres, día 6, no Cantón dos Moreno a partir das dez da mañá e ata as tres da tarde, terá lugar a gravación do programa da TVG Os Inimitables coa participación de recoñecidxs artistas e grupos musicais como Los Berrones, Lucía Pérez, Susana Seivane e Cantigas e Frores, entre outros moitos. Os/as máis cativos/as tamén terán o seu espazo con dous obradoiros: o venres ás 17:30 horas na carpiña do Mercado, magosto e taller de baile tradicional a cargo de Amigos da Gaita Galega e o domingo ás 12:30 horas a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña impartirá un obradoiro manual de elaboración de chapas e murais”.

O edil ribadense subliñou que “nesta edición, outro espazo protagonista será, o recuncho #Arte_San, una illa gastronómica con sabores da zona, onde teremos a oportunidade de degustar e coñecer algo máis sobre os produtos selectos e artesanais coma os da Serra do Caurel a cargo de de Caurelor, Chocolates Moreno de Ribadeo, Embutidos Suarna de Navia de Suarna, Carabuñas de Vilar de Santos (Ourense) e Queixos Prestes de Vilalba, que ademais enriquecerán as actividades deste evento con charlas e degustacións. E para rematar, coma xa ven sendo habitual, acompañaranos a Asociación Cultural Amigos da Madeira de Ribadeo con exposición e demostracións de tallas e vimbia ou cestería. Será na oficina vella de turismo”.

Para Pablo Vizoso “todas estas actividades paralelas supoñen un incentivo para visitar Ribadeo durante estas datas. Así que, xa saben, desde o Concello animamos a todas e todos a visitar e desfrutar de Ribadeo nestas datas festivas”.