Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Os socialistas de Mondoñedo din que os orzamentos seguen tendo como protagonista a propaganda

Por 5 Decembro, 2019Sin comentarios

Os socialistas de Mondoñedo din que Elena Candia segue apostando pola propaganda e a publicidade nos orzamentos do Concello, cun investimento de preto de 60.000 euros, unha contía que seguirá medrando ao longo de todo ano. “Hai que lembrar ademais que neste orzamento non aparece reflectido o investimento da Deputación que poderá ascender a máis de 600.000 euros, ou outras axudas como o Plan Marco da Xunta”, sinalou Esperanza González, trala celebración da sesión plenaria na que o PP aprobou en solitario os orzamentos do Concello. 

A voceira socialista aludiu a ordenanza de recadación sobre imposto e o incremento do valor dos terreos de natureza urbana impulsada polo PP. “Dende o Grupo Socialista manifestamos os graves problemas económicos e as preocupacións que acarreou ás nosas e veciñas e veciños o cobro deste imposto, e reclamamos a retirada do mesmo”, sinalou.

Esperanza González explicou que nesta mesma sesión plenaria tamén se aprobou, só co voto do PP, o Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello de Mondoñedo. “Neste punto hai que lembrar que este documento contou con alegacións do Colexio de Técnicos Forestais de Galicia, bastante solventes, e tamén do BNG. Este Colexio de profesionais é bastante crítico coa redacción do proxecto xa que denuncian que non se concretan aspectos básicos como por exemplo; quen son as persoas responsables e  as funcións da CECOPAL (Centro de Coordinación Operativa de ámbito local ); tampouco se identifica ao director da PAM (Posto Mando Avanzado); non hai medidas concretas de información á poboación; non se especifican os medios dos que dispón o concello, nin as vías de comunicación, nin os puntos de abastecemento de auga; non se establecen os procedementos específicos de evacuacións de poboación; non se especifican as franxas secundarias de vivendas ailladas fora dos núcleos….E por todo isto demandan a revogación por non cumprir os mínimos requisitos legais”, argumenta González.

No pleno tamén se aprobaron as emendas do PSdeG-PSOE sobre Alcoa. “Dende o Grupo Socialista lembramos que o Goberno de Pedro Sánchez xa consignou 38 millóns de euros para a planta de Alcoa en San Cibrao, concretamente 25 millóns en axudas pola emisións indirectas de CO2 e outros 13 millóns en póxaa de ininterrumpibilidade. Trátase, do maior importe que neses térmos deu ningún Goberno de España a unha empresa no noso país deste sector”, sinalou González”. Pola contra o Grupo Socialista “rexeitou a moción do PP sobre o xabaril, e presentou unha proposta que foi rexeitada polo PP, que reclamaba á Xunta de Galicia; realizar un censo de poboación do xabaril, así como poñer en marcha de xeito inmediato un plan de xestión de xabaril, para estabilizar a súa poboación, e limitar os seus danos. E por último poñer en marcha o fondo de corresponsabilidade, para pago de danos e medidas preventivas, que figura na Lei de Caza de Galicia, e que por parte da Xunta de Galicia se estableza un plan de prevención aos TECOR que diagnostique riscos a cultivos e determine medidas preventivas a adoptar”.

O Grupo Socialista tamén apoiou a moción do BNG para que se expoña ao público o proxecto de rehabilitación da Praza da Catedral, así como unha Declaración Institucional en apoio aos traballadores de Muebles Hermida.