Skip to main content
ActualidadeO ValadouroSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O PP do Valadouro aposta por municipalizar o servizo de recollida de lixo

Por 9 Decembro, 2019Sin comentarios

O presidente e portavoz do Grupo Municipal Popular do Valadouro, José Manuel Lamela, aposta pola xestión directa da recollida de lixo e, polo tanto, por recuperar un servizo privatizado polo actual alcalde, o socialista Edmundo Maseda. Lamela di que “a municipalización non sería obstáculo para seguir prestando este servizo xunto con Alfoz a través do correspondente convenio”.

Lamela lembra que “o Concello do Valadouro dispón dun camión –adquirido cando gobernaba o Partido Popular- e conta con persoal municipal capaz de asumir estas funcións”. Malia que tampouco vería mal a posibilidade de “crear novos empregos no concello se fora preciso reforzar o cadro de persoal municipal”.

O popular defende os aspectos positivos da xestión directa municipal porque “non suporía un incremento de custe -ao revés, afórrase o beneficio empresarial- e, ademais, permitiría un maior control e, polo tanto, unha mellora na recollida do lixo, un servizo que na actualidade acumula múltiples queixas veciñais”.

Non hai risco de perda de subvencións

Finalmente, Lamela sinala que “o alcalde mentiu cando dixo que non prorrogar o convenio de recollida de lixo con Alfoz suporía perder a subvención da Xunta e polo tanto pedimos que rectifique ante os veciños e deixe de xerar alarmas inxustificadas”.

O portavoz popular pregunta “que intereses ten o alcalde por manter o servizo de recollida en mans dunha empresa privada” porque “o único que non está a defender, iso está claro, son os intereses dos veciños”.

Lamela asegura que, con cargo á subvención da Xunta para este ano, o Concello xa xustificou os gastos xerados polo servizo de recollida de lixo e que, en relación ao ano próximo, está a tempo de modificar o sistema de xestión; xa que as axudas do Fondo de Compensación Ambiental aínda non foron convocadas. “Que nos cite cando queira e estamos dispostos a falalo”, engade.

O presidente e portavoz dos populares explica que “o Fondo de Compensación Ambiental asume parte dos custes de funcionamento deste plan, sen ningún tipo de recorte e tal e como viña facendo ata o de agora. Pódese manter o convenio con Alfoz, pero en vez de prestar o servizo unha empresa privada, faríano os Concellos con medios propios”.