Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Galicia destaca que o acordo de cotas de pesca para 2020 suaviza a proposta de Bruxelas

Por 21 Decembro, 2019Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou en Bruxelas que o acordo acadado no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea en relación coas posibilidades de pesca nas augas do Atlántico e do mar do Norte permite manter o sector pesqueiro galego a flote tendo en conta que o punto de partida -a proposta de totais admisibles de capturas (TAC) e cotas da Comisión Europea- era un dos máis duros dos últimos exercicios. De feito, entre os maiores recortes propostos nas posibilidades de pesca estaban o xurelo -a especie máis descargada nas lonxas galegas- e a pescada, que lidera a facturación nas lonxas, polo que se trataba “dun tiro á liña de flotación” do sector pesqueiro galego .

Galicia, que acompañou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en representación do resto de comunidades autónomas españolas, levou ao encontro varios informes socioeconómicos para defender que a xestión dos recursos debe basearse no equilibrio entre os aspectos medioambiental, social e económico. Os avances neste eido permitiron mitigar algunhas das propostas do Executivo comunitario e que, no global de todos os TAC nos que Galicia ten cotas, se manteñan practicamente as mesmas posibilidades de pesca que en 2019. Das 36 cotas principais que posúe España na área do Atlántico europeo soben 10, mantéñense nove e baixan 17.

A titular de Mar salientou que un dos aspectos que permiten o mantemento da actividade da frota galega é o avance na cota de xurelo ao sur de Fisterra, para a que Bruxelas propoñía un recorte próximo ao 50% e que se conseguiu cambiar por un incremento do 24%, na liña do que defendían os científicos. Mentres, no xurelo do Cantábrico, un recurso que non se atopa en bo estado biolóxico, mantense a rebaixa proposta inicialmente do 41% pero logrouse elevar do 50% ao 80% a flexibilidade para traer recurso das zonas de Francia e do Norte, o que axudará a tratar de manter estable a frota.

No caso da pescada sur conseguiuse pasar dunha proposta de recorte do 19% a unha baixada do 5%, unha especie na que Galicia sempre defendeu o mantemento da cota de 2019, pero que, explicou Rosa Quintana, non se pode dicir que sexa un mal resultado tendo en conta o punto de partida. Entre as melloras nos TAC para  2020 tamén está a da xarda, do 41%, un incremento positivo para contribuír a paliar as perdas do cerco e do arrastre, así como das artes menores. Á xarda súmase o aumento da cota de rapante, nun 24%, e o mantemento das posibilidades de pesca da raia.

O punto máis feble da negociación dos TAC e cotas de 2020, que rematou pasadas as 06.30 horas, é o da pescada de Gran Sol pois mantívose a redución do 21% das posibilidades de pesca. Os informes do estado biolóxico da especie pesaron máis que os estudos socioeconómicos aportados ao respecto, polo que Galicia vai analizar o impacto socioeconómico que este recorte pode provocar así como a incidencia ao tratarse dunha especie que podía servir para intercambios con outros países por outras especies. A conselleira do Mar explicou que a comunidade vai estar atenta a como evoluciona a actividade no 2020 e que traballará para comprobar o impacto que este recorte pode ter no desenvolvemento da frota galega.

Nova avaliación da cigala

A representante da Xunta tamén destacou como un punto de esperanza o da cigala do Cantábrico, para a que Galicia pedía a reapertura da pesqueira tras tres anos pechada e sobre a que a Comisión Europea expuxo a posibilidade de que os científicos do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) fagan unha reavaliación do recurso, o que podería abrir a porta a retomar a súa extracción.

O Consello de Ministros de Pesca acordou ademais manter a bolsa para todos os estados membros coa que facer fronte á obriga de desembarque e que evita que as especies accesorias, aquelas de escasa relevancia de captura, funcionen como especies de estrangulamento impedindo a actividade da frota. Esta medida afecta a varias poboacións, como o bacallao, das que España non ten cota.

“Para a situación de partida na que estabamos coa proposta de Bruxelas, en liñas xerais podemos dicir que mantemos o barco a flote e que, desde logo, estamos na liña de manter o equilibrio social, o económico e o medioambiental na xestión pesqueira”, concluíu a conselleira do Mar.