Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Foz conta cun novo refuxio de animais

Por 27 Decembro, 2019Sin comentarios

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, asistiu á inauguración do novo refuxio de animais de Foz, situado no núcleo de Mañente, na parroquia de Vilaronte. Un acto no que tamén participou o alcalde focense, Francisco Cajoto, o Deputado de Medio Ambiente, José Luís Raposo, a vicepresidenta da Protectora de Animais do municipio, Laura Fernández Lestegás, e diferentes membros do Goberno local. Na súa intervención, Tomé Roca destacou que nestas instalacións se investiron 90.000 euros co obxectivo de que “sexan útiles e proveitosas para desenvolver este labor de coidado dos animais que se fan dun xeito totalmente altruísta”. 

O novo refuxio “é un servizo moi demandado e moi necesario para esta asociación protectora de animais de Foz porque somos coñecedores de que as instalacións nas que se viñan prestando estes labores eran insuficientes”, sinalou o Presidente. Ademais, explicou que dará cobizo tanto a cans coma gatos e estará “xestionado polo Concello xunto coa Asociación Asistencial Protectora de Foz e tamén o poderán empregar outros municipios da contorna se o deciden”. 

Tomé Roca tamén puxo de manifesto a importancia de que a Deputación lle dea respaldo aos concellos habilitando espazos nos que os concellos poidan levar os animais abandonados e prestarlles os coidados que requiren, pois “a Xunta de Galicia transferiulle aos municipios as competencias de recollida e xestión de animais, pero sen proporcionarlles ningún recurso económico para poder asumir este servizo”, subliñou.

A edificación atópase nunha parcela municipal de máis de 13.000 m2, lugar no que agora mesmo tamén está o punto limpo. O refuxio sitúase na parte sur do terreo, estendéndose uns 2.500 metros cadrados, onde a propia canceira terá unha ocupación en planta de 285 metros cadrados. Trátase dunha nave con estrutura metálica cuberta e inclinada a dúas augas, con zonas cubertas nas dúas direccións e terá capacidade para 40 animais, cumprindo así as normativas existentes sobre benestar animal. As novas instalacións dispoñen de zona de espera, oficina, aseo con ducha e zona de baño de animais, sala de curas e sala para pequenas intervencións. A nave conta cunha zona exterior para os animais, onde se atopa tamén un almacén de alimentos.