Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Últimas prazas para o V Coworking da Mariña lucense en Mondoñedo

Por 12 Xaneiro, 2020Sin comentarios

O Centro Comarcal Santo Tomé de Mondoñedo acollerá este 15 de xaneiro ás 7 da tarde a presentación da quinta edición do Coworking da Mariña lucense, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escala de Organización Industria (EOI) coa colaboración do Concello de Mondoñedo, como socio local. As últimas prazas estarán dispoñibles ata o 31 de xaneiro.

Na presentación participará a subdirectora da Oficina Galicia Emprende do IGAPE, Fany Suárez Mansilla, e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, xunto con parte do equipo coordinador do proxecto e participantes nas anteriores edicións. Todos eles contarán as distintas perspectivas e experiencias dentro do programa. A continuación haberá un espazo de café networking que propiciará o intercambio de ideas entre os asistentes.

Este programa vén formando a emprendedores da Mariña Lucense xa desde 2016, o que amosa a súa boa acollida no territorio. Durante estes anos, os proxectos seleccionados recibiron orientación personalizada para poñer en  marcha os seus plans de negocio optando por ámbitos de actividade tan diversos como a gandería, a agroalimentación sostible, o deseño téxtil, o turismo activo e a transformación e xeración industrial de produtos básicos, todos eles a partir do aproveitamento e valorización dos recursos do territorio; os servizos tecnolóxicos para a oferta de solucións eficientes e sostibles en sectores diferentes; a saúde, o benestar e o desenvolvemento social e cultural. O coworking mindoniense apoiou desde 2016 un total de 62 plans de emprendemento dos que xa están en marcha máis da metade.

Nesta quinta edición, de febreiro a xuño, os proxectos recibirán a formación necesaria para afondar en distintos aspectos do plan de negocio: obrigas xurídico-fiscais, economía circular, modelo económico, axudas dispoñibles, mercado, clientes, marketing… utilizando metodoloxías como o Lean Start-up e o Lego Serious Play e cunha orientación totalmente práctica.

Ademais de sesións de networking, o programa inclúe dous tipos de formación. A formación grupal, que tratará semanalmente unha temática específica, e a formación individual coa que se lle asignarán titorías persoas a cada proxecto cun equipo de expertos asesores para desenvolver todos os aspectos do seu plan de negocio e para, non menos importante, familiarizarse cunha serie de ferramentas que lles servirán de maneira práctica para calquera labor de xestión empresarial.

Asemade, os emprendedores terán á súa disposición outros programas que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria, como o Galicia Emprende e o Galicia Rural Emprende, que a través das súas últimas convocatorias achegaron axudas por valor de 9 millóns de euros a 200 proxectos de autónomos e emprendedores para mobilizar investimentos que superarán os 24 millóns de euros. Ademais as iniciativas empresariais de nova creación terán á súa disposición instrumentos de financiamento habilitados por Xesgalicia e o Igape.

O único requisito para a solicitude de praza é ter unha idea de negocio, independentemente do grao de madurez da mesma, e moitas ganas de facer medrar o proxecto. De feito, nas anteriores edicións houbo desde proxectos saídos da etapa de formación técnica ata novos proxectos de empresas xa consolidadas. As sinerxias xeradas entre o propio grupo de emprendedores tamén é unha parte moi valorada do programa.

Para calquera información adicional, os interesados poden poñerse en contacto co programa a través de cwmondonedo@eoi.es ou no teléfono 629 08 43 79 ata o próximo día 31 de xaneiro,

A aceleradora forma parte da rede de espazos coworking coa que, a través do Igape, e, en colaboración coa EOI e, neste caso, co Concello de Mondoñedo, a Xunta favorece o desenvolvemento e consolidación de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio.

Durante os catro anos que leva en marcha, a rede de aceleración apoiou a máis de 700 emprendedores e un total de 641 proxectos en toda Galicia.