Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A biblioteca de Viveiro acolle a exposición artística ‘Brétema No Abrente’

Por 14 Xaneiro, 2020Sin comentarios

Inaugurouse a exposición artística Brétema No Abrente na Biblioteca Municipal de Viveiro e poderase visitar ata o venres 17.

Trátase dunha exposición colectiva na que participan catro artistas galegos, na súa maioría emerxentes. Lorena Carballa, Lara Castro, David Catá e Elisa Díaz. O tema principal da exposición é o mar e a tradición. Cada artista presenta a súa visión persoal deste, poñendo en común o sentimento de arraigo, de familiaridade e de nostalxia que lles produce.

O mar forma parte do pobo galego, é unha constante nas súas vidas. É parte do xeito de vivir, sentir e expresarse dos galegos; por iso cando un está lonxe del nota que lle falta unha parte del mesmo.

O cambio constante, o paso do tempo, o futuro incerto que obriga a migrar en busca dun futuro mellor son temas que trata a mostra colectiva. Sen esquecer a parte máis persoal, a de como o mar se mete dentro do noso interior para formar paisaxes internas que permanecerán na nosa memoria durante toda a vida. Que nos farán revivir unha e outra vez os recordos da infancia. Porque os recordos que nos marcan de nenos nunca se esquecen.

A exposición é multidisciplinar xa que cada artista utiliza diferentes técnicas, nalgúns casos mixtas; como poden ser a costura, o debuxo, o vídeo ou a foto. Dándolle así maior riqueza á mostra.