Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello de Burela celebra o Pleno de organización

Por 21 Xaneiro, 2020Sin comentarios

Hoxe terá lugar no Concello de Burela o Pleno de organización ás 20.00 da tarde. Unha dedicación exclusiva (a do alcalde) e 3 parciais polo mesmo importe total que as dúas do pasado mandato. Esa é unha das propostas que se debaterá na sesión plenaria, así como a frecuencia coa que se celebrarán os plenos ou a representación nos diferentes órganos colexiados. O alcalde, Alfredo Llano, subliñou que o obxectivo é poñerse a traballar canto antes.

O rexedor contou que “hoxe temos o que se denomina pleno organizativo, que é fundamental sempre para comezar os mandatos. Levamos un retraso considerable, desde o mes de xuño, porque estivemos en funcións. E agora imos darlle contido e sentido a todo o que corresponde ao seguinte mandato, este que comezamos xa”.

Llano dixo que “o pleno organizativo é unha ferramenta fundamental porque se marcan perfectamente por quen están compostos os órganos colexiados, a xunta de goberno local, ás áreas que leva cada persoa, a frecuencia con que se van convocar os plenos e todo o que é importante para o funcionamento do Concello. Tamén vai o referido ás dedicacións, no cal propoñemos que, co mesmo gasto que no anterior mandato, unha dedicación exclusiva para o alcalde máis tres parciais, que serían para tres concelleiros (Ramiro Fernández, José Díaz e Carmela López). Facemos isto porque despois de levar tanto tempo en funcións é necesario traballar duro para poñer ao día ao Concello; e realmente esta xente que ten empregos fóra debe vir ao Concello a traballar e polo tanto faille falta dedicación parcial, como mínimo, para poñerse ao cargo das responsabilidades que corresponden”.

O alcalde explicou que “vanse tratar as comisións informativas que haberá, a xunta de goberno local, quen representa ao Concello nos diferentes órganos colexiados, … É unha ferramenta fundamental para poñernos a andar”.

Alfredo Llano engadiu que “desde logo estamos pensando xa no primeiro pleno ordinario que temos que convocar, por unha serie de asuntos importantes para o funcionamento do Concello, para o día 6 de febreiro, como máis tarde. Entón imos ver se saímos dunha forma consensuada e facilitando a labor do equipo de goberno cara a este mandato. Así iríamos todos moito mellor e máis motivados para afrontar os retos que ten este Concello, que non son poucos, cara a este mandato”.

Ramiro Fernández Rey seguirá a levar as Concellerías de Obras, Deportes e Turismo; José Díaz continuará á fronte de Cultura, Educación e Sanidade; Carmela López levará Políticas Sociais e Mar; Toñi Eijo será a responsable de Medio Ambiente, Escolas Infantís e Festexos; Noelia Mª Ben levará Cooperación, Inmigración e Terceira Idade; e o alcalde estará á fronte de Urbanismo, Protección Civil, Policía Local e Persoal.