Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

As federacións de confrarías de pescadores reciben unhas axudas

Por 23 Xaneiro, 2020Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou o papel que desempeñan as federacións galega e provinciais de confrarías de pescadores na representación tanto das 63 entidades existentes en Galicia como dos seus profesionais e salientou a importancia de apoiar o seu funcionamento e a mellora da súa competitividade. Con ese obxectivo, destacou, as catro federacións existentes en Galicia -a galega e as provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra- beneficiaranse este ano de máis de 400.000 euros en axudas para afondar nas súas capacidades de comunicación e representación e reforzar o seu papel para avanzar na coxestión do medio mariño.

A representante da Xunta lembrou durante a sinatura duns acordos de colaboración entre a Consellería do Mar e as federacións galega e provinciais da Coruña e Pontevedra -o convenio con Lugo asinarase nos vindeiros días- o labor destas entidades no coidado dos recursos pesqueiros e marisqueiros e na defensa do futuro do sector, polo que defendeu a necesidade de apoiar o seu traballo.

Os convenios asinados hoxe pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e os presidentes das tres federacións adoitan subscribirse todos os anos e son para facer fronte a gastos correntes derivados do seu funcionamento, o que permite atender gastos como a contratación de persoal, arrendamentos ou reparacións, entre outros. A partida deste ano neste apartado para as catro federacións ascende a 336.000 euros.

A estes acordos de colaboración súmanse outros que están en tramitación -materializaranse nos próximos meses- e dos que se benefician tamén as catro organizacións de confrarías para o desenvolvemento de accións que melloren a competitividade da actividade marítimo-pesqueira. Os 75.000 euros destinados a esta partida permiten apoiar accións como a implantación de novas tecnoloxías para facilitar a actividade das federacións ou a organización de cursos e xornadas temáticas de interese do sector.

Estes apoios, destacou a conselleira do Mar, buscan afianzar a cogobernanza e a coxestión do medio mariño entre a Administración e o propio sector co obxectivo de que esa unidade de acción contribúa a facer de motor do sector pesqueiro e garantir o seu futuro.

Convenios coa federación de redeiras

A estas colaboracións súmanse outras anuais como as que a Consellería do Mar mantén coa Federación de Redeiras O Peirao para sufragar tamén os gastos correntes da entidade e a mellora da súa competitividade. O apoio á federación de redeiras ascende este ano a 13.000 euros e o primeiro deses convenios de colaboración, o de gastos derivados do seu funcionamento, asinarase nos próximos días.