Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Mondoñedo crea un servizo de asesoramento e apoio a coidadores

Por 26 Xaneiro, 2020Xaneiro 29th, 2020Sin comentarios

O Concello de Mondoñedo, presidido por Elena Candia, pon en marcha, baixo o título “Coidamos o Coidador”, un servizo de asesoramento e apoio. Trátase dunha nova prestación que establecerá co fin de ofrecer atención especializada aos responsables principais das persoas que precisan coidados. Este servizo atenderá tamén aos veciños de Abadín, Riotorto e Trabada.

O goberno municipal, presidido por Elena Candia, é consciente de que “o labor de coidar supón un importante esforzo por parte do familiar/coidador, debido á necesidade de levar a cabo múltiples tarefas novas que debe integrar na súa vida, pero ademais convértense no eixo central da súa organización diaria. Este aumento de traballo, tanto físico como emocional, provoca na maioría das ocasións un desgaste importante, sendo fundamental intentar que tomen conciencia da necesidade de autocoidarse e de buscar axuda”. É, por este motivo, polo que dende a entidade local deciden, indica Candia, “dar un paso adiante e poñer en marcha este asesoramento”.

Os obxectivos do programa son apoiar e orientar á familia/coidadores tratando de reducir sentimentos de angustia e irritabilidade; axudar á comprensión e aceptación das condutas do enfermo; facilitar a resolución de posibles problemas e/ou conflitos relacionados coa sintomatoloxía; fomentar as relacións sociais e redes de apoio; e orientar en aspectos legais e recursos dispoñibles, en relación ás dificultades laborais e económicas que xorden de xeito paralelo.

Neste senso, no marco desta iniciativa como actividades máis inmediatas contémplanse o desenvolvemento de sesións formativas periódicas (sesións de dúas horas, un día ao mes) para os familiares/coidadores; proporcionar información sobre a enfermidade, cun achegamento especializado para coñecer as súas necesidades e situación particular, que serán complementadas coa asistencia ás formacións de profesionais do SAF; posta en marcha dun grupo de voluntariado en Residencia, Centro de Día e Unidade de Alzheimer; elaboración dunha guía informativa básica para os coidadores e posta en marcha de sesións grupais en relación ás necesidades detectadas.