Skip to main content
Sin categoría

O Concello de Viveiro inicia as obras na pista de Sobrado a Cambela

Por 26 Xaneiro, 2020Sin comentarios

O Concello de Viveiro xa ten en marcha as obras contempladas no proxecto de reposición do firme na pista de Sobrado-Pousadoiro a Cambela, licitadas cun orzamento de 106.000 euros.

Coa execución deste proxecto, o concello pretende acometer a mellora do firme das pistas de Pedrouzos e do Camiño Vello, ambas de titularidade municipal, situadas na parroquia de San Pedro de Viveiro.

Estes viais presentan un firme moi deteriorado polo continuo tránsito de vehículos pesados, derivado da importancia que os sectores forestal e agropecuario presentan na parroquia. Por este motivo, a intervención na reposición dos firmes faise necesaria para garantir o bo tránsito circulatorio, así como o accesibilidade ás vivendas e ás zonas de explotación, tanto gandeiras como forestais.

“Un dos obxectivos deste concello é ir arranxando, segundo vai sendo posible, as pistas nas zonas rurais, para o que se realiza un traballo de seguimento e valoración; temos unha programación e as actuacións vanse realizando de forma escalonada”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. Esta obra é financiada integramente pola Deputación de Lugo dentro do Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2019.

Os traballos que se van realizar consisten no reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axustadas ás características do tráfico rodado que soportan, e o mantemento do firme existente mediante o bacheo de determinadas zonas e das marxes dos camiños mediante a limpeza das cunetas.