Viveiro lamenta as críticas “fóra de lugar” do PP polo peche durante tres días da oficina de Turismo

A concelleira de Turismo do Concello de Viveiro, Marisol Rey, lamenta as críticas do voceiro do PP en relación co peche temporal da oficina de turismo, “durante só tres días e medio e por motivo da nosa asistencia a Xantar 2020 en Ourense”.

“As declaracións me sorprenderon, xa que Óscar Rodríguez presentouse o outro día no meu despacho para realizar unhas xestións e puido perfectamente volver a vir para preguntar ou aclarar calquera dúbida con respecto a esta cuestión”, afirma a concelleira.

“O grupo municipal do PP sabe que Viveiro é unha municipio de máis de 15.000 habitantes no que só hai unha técnica de turismo que se atopa desbordada, sobre todo en determinadas épocas, e á que eu mesma teño axudado en diversas ocasións; cando esta empregada municipal se ausenta para asistir á feiras, ás que acude para realizar o seu traballo, ou cando se atopa de permiso, adoita contratarse unha persoa para manter a oficina de turismo aberta” explica Rey.

Os días aos que se alude na nota de prensa do PP, nos que a oficina pechou, son o mércores, xoves, venres e sábado da pasada semana, con motivo da asistencia deste concello a Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico.

“Como o voceiro do PP sabe, por que tamén é comercial, febreiro é a época máis baixa do ano tanto nese sector, como na hostalería e o turismo; por ese motivo, nesta ocasión decidiuse non contratar a ninguén, por que non nos gusta despilfarrar uns cartos que se poden invertir en moitas outras cousas”, asegura a concelleira de Turismo.

“Para tomar esta decisión tívose en conta, como dixen, a época do ano na que nos atopamos; durante ese mesmo periodo do ano pasado a oficina de turismo tivo unicamente 5 visitas, creo que é importante facer constar ese dato”, engade.

Durante eses tres días e medio nos que permaneceu pechada, o concello estivo presente na feira referida, promocionado todos os recursos de Viveiro, incluído o sector da hostalería ao que se alude.

En palabras de Marisol Rey, “cómpre facer constar, así mesmo, que os hoteis sempre teñen coñecemento da asistencia deste concello as feiras de turismo, pois sempre se lles chama por se queren enviar folletos, polo que nos extraña sinceramente a súa afirmación con respecto ás ‘numerosas queixas de hostaleiros’; ademais, ningunha das asociacións de hostaleiros, nin a de Covas, nin a do Casco Histórico, manifestou ningunha queixa ao respecto a este concello”.

“Non é habitual que a oficina de turismo peche con motivo da participación deste concello en feiras de turismo. Quero deixar isto moi claro e facer especial fincapé en que, nos últimos catro anos, a oficina de turismo ampliou o seu horario notablemente, sobre todo nos meses de máis afluencia; considero que a oficina de turismo está facendo un gran traballo, tanta na súa labor de promoción, como na súa relación co sector da hostalería e no servizo prestado aos turistas”, asevera a concelleira de Turismo.

“Por todo isto e por que o propio voceiro do PP, en diversas ocasións, alabou o traballo desta concellaría é polo que sorprenden aínda máis as críticas realizadas; en todo caso, entendo que este é o modus operandi dalgúns membros do Partido Popular, que adoita ir de bo rollo e colegueo e actúa por detrás”, remata Rey.

Etiquetas