Cursos de automoción en Ribadeo

Do 26 Out 2019 ao 16 Nov 2019 Axenda

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) organiza dúas fins de semana tecnolóxicas que se van celebrar en Ribadeo. A primeira será este sábado, 26 de outubro, e estará centrada na pneumática e o día 16 de novembro o curso analizará a diagnose con osciloscopio. A duración de cada xornada será de 8 horas e as 15 prazas destes dous cursos xa están ocupadas. O presidente de APAGA, Álvaro Doural, anuncia que algunhas das temáticas que teñen máis demanda volverán repetirse en 2020. 

Doural contou que “por cuarto ano consecutivo, a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) está a desenvolver toda unha serie de cursos os fins de semana, os sábados, dentro do programa de Fins de Semana Tecnolóxicas. Está previsto que este fin de semana, o día 26, se realice un curso de pneumática aplicado ao sector do automóbil. O día 16 de novembro vaise facer outro sobre a diagnose a través de osciloscopio. No mes de decembro, aínda está sen poñer a data, pero vaise realizar un curso de pintura e a súa aplicación no automóbil. Son cursos de oito horas e están abertos ao profesorado e a técnicos de empresa, ou a xente que teña interese en facer ese tipo de cursos”. 

O presidente de APAGA subliñou que “a verdade é que estes dous primeiros cursos que acabamos de sacar fai pouco tempo xa están completos porque hai un límite de quince prazas por curso, e o de osciloscopio seguramente volvamos repetilo despois das vacacións de Nadal porque hai xente que quedou fora”.

Álvaro Doural adiantou que “ao longo de 2020 seguiremos sacando toda unha serie de cursos, nalgúns casos novos e outros que se repetirán, que se fixeron o ano pasado e que tiveron unha gran afluencia. Sempre tendo en conta as enquisas de satisfacción que nós facemos ao final dos cursos entre os participantes nas que se fan unha serie de peticións para programar futuros cursos”.

As fins de semana tecnolóxicas de Apaga celébranse no hotel O Cabazo, de Ribadeo.