Festival Ribadeo Indiano

Do 6 Xul 2019 ao 14 Xul 2019 Axenda

O VI Ribadeo Indiano, festival de época que a vila adica á inmigración a ultramar, deu comezo o sábado, 6 de xullo, cun ciclo de cine cubano de catro días, presentado polo Cónsul da República de Cuba en Galicia, Ángel Torres Jaime, e con proxeccións no Teatro de Ribadeo, ás noites de sábado a martes. Habanastation, Clandestinos, Un hombre de éxito e Fresa y chocolate son os filmes proxectados.

O venres, 12 de xullo, ás 19:00 horas no Teatro celebrarase a presentación do VI Ribadeo Indiano que correrá a cargo do alcalde, Fernando Suárez;  o Cónsul da República de Cuba en Galicia, Ángel Torres; o Cronista Oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez; e o presidente de Acisa, Francisco Iriarte. Ás 19:15 horas terá lugar o pregón que ofrecerá o arquitecto ribadense, que é un grande coñecedor da construción civil indiana, Ernesto Cruzado Estévez.

Tamén o venres ás 19:45 horas os internacionalmente recoñecidos músicos do Grupo Compay Segundo ofrecerán a representación musical De ida e volta e ás 20:00 horas será a tradicional baixada ao porto de Porcillán. No peirao haberá actuacións teatrais e musicais e a música volverá soar no quiosco do Parque de San Francisco ás 22:30 horas coa actuación do grupo Habana Café e ás 00:00 horas co grupo A lo cubano.

O sábado 13 entre as 10:30 e as 11:30 horas na Sala de Exposicións do Parque de San Francisco terá lugar a recepción dos/as artistas participantes no Certame Benéfico de Pintura ao aire libre Ribadeo Indiano. Ás 11:00 horas, no barrio de San Roque, procederase á apertura do Mercado de Produtos de Ultramar; e ás 12:00 horas, na praza de abastos recibirase aos luxosos coches de época, que por segundo ano consecutivo chegarán a Ribadeo.

Ademais o sábado ás 20:30 horas celebrarase o tradicional Festival de Habaneras e Música Hispanoamericana Ría de Ribadeo no que actuarán xunto á Coral Polifónica de Ribadeo a Agrupación Polifónica Centro Asturiano de Avilés e a Coral Polifónica Airiños da Capela de Ferrol.

O domingo, 14 de xullo, ás 10:00 horas na praza de abastos celebrarase o Mercado da Horta dos Domingos. E ás 12:30 horas no barrio de San Roque haberá unha exhibición de vehículos clásicos. Ademais ás 13:00 hora, dará comezo a subasta benéfica dos cadros do Certame de Pintura ao aire libre. Os ingresos recadados irán destinados ao hospital Hijas de Galicia da Habana. Ás 14:00 horas no Círculo Habanero da Devesa, celebrarase o popular xantar campestre, ao que precederán e seguirán varias actuacións musicais, un paseo cultural e unha mostra de dominó.

O broche de ouro a esta VI edición do Ribadeo Indiano poñerao o Grupo Compay Segundo-La Leyenda del Chan Chan coa actuación que ofrecerá a partir das 20:30 horas no barrio de San Roque.

Finalmente ás 22:00 horas no mesmo escenario terá lugar o sorteo presencial da viaxe a Cuba para dúas persoas cuxas rifas se reparten desde hoxe, día 4, nos establecementos comerciais e hostaleiros que se adheriron a esta campaña.

O programa íntegro pode atoparse na web indiano.ribadeo.org.