Mes do tapeo en Ribadeo

Do 7 Nov 2019 ao 29 Nov 2019 Axenda

Arrinca esta semana, o 7 de novembro o mes das tapas en Ribadeo. Trátase dunha nova iniciativa ideada por Acisa para o sector hostaleiro na que se dan cita 19 establecementos asociados, que ofrecerán as súas orixinais preparacións os xoves e os venres polas noites.  

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explica que “cada establecemento escolleu a súa forma de participar, elaborando unha tapa diferente cada dia ou a mesma todos os días e elixiron se participar os dous días, xoves e venres, ou so un deles. Toda a programación do mes poderase encontrar nos 5.000 dípticos que se repartirán nos establecementos participantes para dar toda a información aos clientes. As tapas poden ser gratuítas ou de pago con prezos que oscilan entre 1 e 3 euros”.

Pérez engade que “quixemos darlle total liberdade aos participantes establecendo prezos, nos días de participación e no tipo de tapa a ofrecer; co fin de que esta campaña responda o mellor posible ás necesidades e criterios de cada un deles. Ademais de ter a información nos dípticos e na cartelería cada semana, tamén a través do facebook de Acisa Ribadeo poderase encontrar todos os datos das tapas que se van ofertar, especialmente aquelas que están cualificadas como tapa sorpresa”.

No Mes do Tapeo de Acisa os xoves haberá oferta gastronómica en 13 establecementos: O Lar de Manolo, O Alén, Chámalle Estopa, Texturas Galegas, Bar Cienfuegos,  El Rincón del Gordo, La Solana, Asador La Quinta, A Dorada, Náutico, Bar Galicia, La Botellaría e Cayo Coco.

E os venres as tapas poderán degustarse en 17 establecementos: O Lar de Manolo, O Alén, Mareta, Chámalle Estopa, Texturas Galegas, La Botellería, El Rincón del Gordo, La Solana, Madison, Queimada, Delicates, O Indiano, Asador La Quinta, A Dorada, Náutico, Cayo Coco e Malo Será.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, conta que “traballamos dende hai un tempo en organizar unha actividade deste tipo que ven sendo solicitada pola hostalería en moitas ocasións. Cremos que pode ser unha boa forma de revitalizar as tarde noites dos xoves e dos venres, creando así unha oferta de ocio gastronómico e dándolle aos veciños da vila e dos arredores unha boa razón para animarse a saír neste mes de novembro”. 

Iriarte sinala que “haberá tapas moi elaboradas, creo que é unha boa forma para que a xente saia, tome o xoves dúas ou tres consumicións acompañadas dunha tapa cada unha, podendo case cear por un prezo mais que asumible e os venres facer boca tomando outro par de tapas e animarse a cear fora. O que pretendemos é dinamizar o sector hostaleiro en novembro”.