Visitas á lonxa en Burela

Do 8 Xul 2019 ao 31 Ago 2019 Axenda

O luns, 8 de xullo, dará comezo unha nova edición das Rutas da Lonxa que se prolongarán ata o 31 de agosto. Trátase do segundo ano no que Absa (Armadores de Burela) e o Concello levan adiante esta iniciativa. As visitas serán os luns, en horario de 18:30 a 19:30; os martes, mércores e xoves ás 19:30 e 20:30 horas; e os venres ás 19:00 e ás 20:00 horas. As inscricións deben facerse na Oficina de Turismo, agás os luns que terán que realizarse con antelación. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, subliña que estas visitas son unha maneira de poñer en valor o traballo dos mariñeiros e tamén o valor do peixe.

O edil burelés anunciou que “por segundo ano, o Concello de Burela en colaboración con Absa, imos iniciar as Rutas da Lonxa. O ano pasado era a primeira vez que se facían estas visitas organizadas pola lonxa de Burela. Foron un auténtico éxito e esperemos que este ano tamén sexan un éxito”. 

Ramiro Fernández sinalou que “as visitas van empezara partir do luns, 8 de xullo, e acabarán o 31 de agosto. Van estar compostas por grupos de trinta persoas, é a limitación que nos poñemos porque, tendo en conta que estamos nunha zona de traballo, xestionar un grupo máis grande diso sería complicado. As visitas van ser durante a semana en diferentes horarios, e a inscrición vai ter que ser de maneira presencial na Oficina de Turismo (situada no porto), porque a xente vai ter que asinar un papel onde se lles explicarán unhas normas mínimas para poder entrar na lonxa, que é unha zona de traballo. Imos ter unhas pautas de comportamento na visita e ademais os participantes van ter que asinar un papel de responsabilidade de que se están metendo nunha zona de traballo, e iso ten uns altos riscos que hai que intentar controlar”.

O concelleiro de Turismo engade que “a inscrición se vai facer na Oficina de Turismo de maneira presencial, salvo os luns que por motivos de descanso do persoal non vai haber xente alí co cal vai haber que reservar con antelación. O resto dos días poderán facerse as inscricións o mesmo día das visitas”.

Fernández Rey agarda que “estas Rutas da Lonxa sexan un éxito como foron o ano pasado, que estamos seguros de que vai ser así porque á xente gústalle moitísimo ver o que é unha poxa de peixe. Tamén é unha maneira de poñer en valor o traballo dos mariñeiros e o valor do peixe. É unha visita moi atractiva e vaise proxectar ademais un vídeo para explicar todo o proceso. O ano pasado fixeron a visita en torno a 1.200 persoas e esperemos que este ano se cumpran esas expectativas”.

As Rutas da Lonxa foron presentadas este mediodía polo xerente de Absa, Miguel Neiras, e polo concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, no porto de Burela.