Skip to main content
A Pobra do BrollónAxenda RIBEIRASACRAXADeportes RIBEIRASACRAXA

A 8ª Ruta Añada Racing desenvolverase na Pobra do Brollón o vindeiro 6 de abril

O Concello da Pobra do Brollón organiza a oitava edición da Ruta Añada Racing 2024, unha ruta de dificultade media, non competitiva, para vehículos 4×4 (todoterreos e buggies) e motos, que percorrerá o Concello da Pobra do Brollón.

A iniciativa, que conta coa colaboración do club Guímaro Motor, terá lugar o vindeiro 6 de abril, día no que nos puntos de dificultade haberá persoal da organización que garantirá o correcto desenvolvemento da ruta, contando tamén cun trazado alternativo de baixa dificultade.

A totalidade da ruta transcorrerá polo municipio da Pobra do Brollón, onde os participantes poderán ver paisaxes moi variadas e multitude de opcións para desfrutar da natureza. O percorrido estará marcado con cintas e sinalización, sendo recomendable ter descargada a aplicación Wikiloc ou Google Earth.

A ruta comezará no pavillón municipal da Pobra do Brollón ás 8.30 horas e rematará ás 20.00 horas. A cena de confraternidade será as 22.00 horas no pavillón municipal ao carón do parque pechado.

Participación e remate da proba

O custo para participar na ruta será de 60 euros por persoa e fará falta cumprimentar un formulario de inscrición, poñendo a ficha técnica do vehículo participante, o xustificante do recibo do seguro do vehículo e o xustificante de pago.

A ruta inclúe café de campaña, comida tipo pícnic, cea no pavillón municipal na Av. Outeiro, N 37, A Pobra do Brollón e seguro de responsabilidade civil. Non se disporá de servicio de grúa propio, polo que cada participante deberá ter o seguro en vixencia. Axudarase a mover o vehículo a unha pista onde poda acceder a grúa, que cada participante teña contratada na súa póliza de seguro.

A data límite para inscribirse será o domingo 31 de marzo as 23.59 horas e as prazas son limitadas, polo que unha vez completadas tamén se dará peche ás inscricións.

Ademais, ao remate da ruta estará ao servicio dos participantes vestiarios e duchas no mesmo pavillón para quen as precise e haberá habilitada una zona de limpeza para os vehículos nas inmediacións do Campo de fútbol Os Medos.