Skip to main content
Ribadeo

Acisa anima a mercar en Ribadeo durante agosto

Por 10 Agosto, 2021Sin comentarios

Acisa anima a mercar en Ribadeo durante o presente mes de agosto na campaña deste verán de 2021. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos quere que “a xente nos siga visitando, porque seguimos a ser un lugar seguro. Queremos que a xente veña, que merque, que saboree a exquisita gastronomía desta zona, que pasee e que coñeza o noso comercio, que é un referente en toda a contorna e queremos que se mergullan no patrimonio histórico, cultural e natural do noso concello, que ten costa e interior, que ten mar e montaña, que ten ría, natureza…”, explicou o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, que presentou a campaña xunto ao xerente da asociación, Jesús Pérez. 

Ambos insistiron en que “Ribadeo é un importante destino de compras e de ocio” e en que “somos un grande centro comercial ao aire libre, o centro comercial coas mellores vistas. Queremos que todos os visitantes coñezan os nosos potenciais comerciais e turísticos, iso si con prudencia e cumprindo coa normativa en vigor en cada momento”.

Iriarte Quintana fixo tamén unha valoración da situación actual de Ribadeo: “dende Acisa Ribadeo queremos destacar que a nosa localidade vai pasiño a pasiño, agora estamos nunha situación epidemiolóxica mellor. En Ribadeo os casos positivos están  baixando e todo parece indicar nos atopamos nunha situación mellor que a de hai unha semana. Estamos tamén mellor que outras zonas da comarca, que por desgraza están sendo golpeadas con mais foza nesta quinta baga. Por iso, aínda que mantendo a prudencia e a responsabilidade, dicímoslle á xente que Ribadeo sigue sendo un lugar seguro para desfrutar e para visitar”. 

Pola súa banda o xerente de Acisa, Jesús Pérez, sinalou: “queremos seguir facendo un chamamento á Xunta de Galicia para que teña en conta o dano económico que está a ocasionar esta situación. Estamos a falar con moitos hostaleiros do noso municipio, é certo que Ribadeo ten unhas boas cifras turísticas, pero ollo porque iso non quer dicir que teñamos unhas boas cifras de consumo, nin en comercio nin especialmente en hostalería. Seguimos denunciando os problemas que lles están a ocasionar aos hostaleiros estas medias restritivas, perdendo moitos clientes e tendo que sufrir agresións verbais, criticas en webs turísticas… por culpa dunhas normas aleatorias, no sentido de que nuns concellos aplícanse e noutros non.   No noso caso con maior gravidade, xa que os propios hostaleiros estannos a dicir de moitos clientes que se despiden deles e dinlles que se van para outros sitios nos que non se pide ningún certificado”.

Pérez Prada sinalou: “gustaríame acabar mostrando o apoio publico da asociación aos negocios que cumpren coa normativa,  que a pesar de non seren policías paréceno e están a sufrir insultos, vexacións … por cumprir o que a lei di. E gustaríame por tanto tamén pedirlle paciencia, sentidiño e educación aos veciños e veciñas de Ribadeo e especialmente aos visitantes, xa que o único que están a facer os donos ou empregados dos negocios é cumprir coa lei. Ademais cando un sae de viaxe, en plena pandemia, debe informarse ben de todas as normativas en vigor en cada momento”. 

Desde Acisa presidente e xerente fan unha chamada de atención: “pedímoslles a todos os negocios que cumpran coas normativas en vigor en cada momento, xa que de non ser así poden ser obxecto de importantes sancións. Temos que destacar que os socios de Acisa cumpren escrupulosamente coas normas, quizais porque as coñecen á perfección grazas ao noso asesoramento ou simplemente por responsabilidade. E polo tanto facemos un chamamento para que as forzas e corpos de seguridade de Ribadeo, vixíen con maior atención a aqueles establecementos que se ve claramente que non cumpren coas normativas marcadas polo nivel alto de restricións no que nos atopamos. É polo ben de todas e todos”.

E lembraron que “as normas non as pon Acisa Ribadeo. A xestión da pandemia en Galicia así como as normativas que se aplican sobre a hostalería e o comercio son competencia da Xunta e non das asociacións empresariais”.