Skip to main content
Viveiro

Aspanane presenta en Viveiro a exposición fotográfica Eu Muller, ti cómplice, elas loitadoras

Por 11 Marzo, 2023Marzo 12th, 2023Sin comentarios

O salón multiusos do Concello de Viveiro acolleu a presentación da exposición fotográfica Eu Muller, ti cómplice, elas loitadoras organizada por Aspanane e enmarcada dentro do programa das celebración por mor do Día Internacional da Muller.

A exposición itinerante pretende concienciar e sensibilizar á poboación sobre a reivindicación de dereitos que realizan no seu día a día as mulleres con discapacidade intelectual e/ou do desenvolvemento para lograr participar e incluírse na sociedade, ao tempo que conseguen que máis persoas sexan cómplices nesta procura da plena igualdade e cidadanía.

O acto inaugural, dirixido por usuarias do Centro Ocupacional de Aspanane, contou coa presenza da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, xunto á secretaria xeral da Consellería de Igualdade da Xunta, Susana López Abella.

“Estou moi agradecida e satisfeita de que a nosa vila acolla exposicións e actividades como esta que hoxe estamos a presentar, porque axudan a visibilizar a loita diaria das mulleres con discapacidade intelectual ou de mobilidade na promoción da súa plena cidadanía”, subliñou a rexedora de Viveiro, que renovou o compromiso do grupo de goberno do Concello con todo tipo de “iniciativas que sirvan para visibilizar, sensibilizar e tamén con accións que ofrezan oportunidades a todas as persoas”.

A exposición Eu Muller, ti cómplice, elas loitadoras permanecerá aberta ata o 29 de marzo.