Skip to main content
BurelaCultura AMARIÑAXADeportes AMARIÑAXA

Jesús Ares, SD Porto de Burela: “Os rapaces transmítenme unha enerxía que necesito”

Por 23 Maio, 2021Decembro 18th, 2023Sin comentarios

Tras cinco tempadas consecutivas, Jesús Manuel Ares anunciou este ano a súa intención de dimitir da presidencia do SD Porto de Burela e tamén do SD Burela, na que estivo tres. Pero tras o regulamentario período electoral finalmente produciuse un relevo ao fronte do primeiro mentres el continuará no outro para evitar a desaparición do club.

Por Ana Somoza López.

Canto tempo estiveches ao cargo do Club?

Na SD Burela comecei a formar parte da Directiva na tempada 2017/18, pasando a ser na seguinte o presidente, o que supón tres tempadas. No referente á SD Porto de Burela, estiven como presidente 5 tempadas.

Como valoras a experiencia?

De ambos os dous clubes gardo experincias moi boas. É gratificante ver o sorriso dos nenos e sentir a ledicia que nos transmiten ao chegar ás instalacións da Marosa. Tamén hai que destacar a confianza e unión co equipo sénior. Son uns rapaces excelentes. Os adestradores (grupo no que me inclúo) e delegados son unha parte moi importante no día a día dos nosos clubes. Valoro positivamente o compañeirismo entre nós e a relación Directiva-adestradores é de dez.

Que é o que destacarías destes anos?

Dentro dos nosos clubs tratamos de formar os nenos para que poidan chegar o máis alto posible e ver conseguidas as súas metas. Como evento deportivo, destacaría o noso torneo. Estamos desexando poder volver celebralo.

Por que tomas a decisión de marchar?

Por asuntos médicos, quería manterme un pouco á marxe da Presidencia de cara á tempada que vén. Na SD Porto de Burela suplirame Giovana, seguirei formando parte da Directiva pero con menos responsabilidades. No relativo á SD Burela, ao non presentarse ninguén, tomei a decisión de seguir. Sería unha verdadeira mágoa que despois de 56 anos o club cerrara as suas portas.

Como foi este ano covid para o club?

O transcurso desta tempada viuse marcada pola covid. Trouxo consigo moito traballo (mirar febres á entrada das instalacións, rexistros de asistentes e público nos partidos, etc). Ao principio tirábanos para atrás toda esta serie de normas pero levando as cousas con xeito poden conseguirse. Outro impacto que a covid nos deixou foi a eliminación da competición do equipo sénior. Desexamos que para a seguinte tempada se poida reanudar e que poidamos desfrutar de novo das tardes de domingo na Marosa.

Cales son as principais necesidades ou carencias?

A día de hoxe a principal necesidade que temos é arreglar a grada que está pendente. Dende o Concello dinnos que para setembro estará lista. Esperemos que así sexa xa que eso conleva a que non teríamos vestiarios, almacén, etc, ademais da repercusión económica ao non poder ter público.

Cales son os principais respaldos do club e necesitaría máis?

O motor económico primordial son as cotas dos pais e socios, xunto coa colaboración dos patrocinadores e colaboradores, subvencións, etc. Que si necesitaríamos máis? Pois calquera ingreso a maiores sería benvido, sen lugar a dúbidas.

Quédache algo por facer destes anos?

No tempo que votei como Presidente, tomamos as decisións da maneira que máis correcta nos parecía. Penso que fixemos unha xestión axeitada. Aprendín moito cos meus compañeiros de Directiva, adestradores, delegados, xogadores do equipo sénior, pais e cos que máis, cos nenos. A enerxía e positividade que eles transmiten é incomparable. Sen dúbida, eles son a roda do noso muíño.

Deixas a directiva pero deixarás os adestramentos tamén?

A miña intención é seguir cos adestramentos. Como xa dixen anteriormente, os rapaces transmítenme unha enerxía que necesito. Dentro dos adestramentos fágolles ver que hai que cumprir unha serie de normas e no caso e ser posible, chegar a uns retos marcados pero tamén me meto dentro do papel deles e deixo saír o neno pequeno que levo dentro.