Skip to main content
Lugo

Folión de Entroido hoxe, 22 de febreiro, polas rúas de Lugo

Por 22 Febreiro, 2022Febreiro 23rd, 2022Sin comentarios

Folión Entroido ano 2020

A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará unha nova actividade propia das datas do entroido. Hoxe martes día 22 de febreiro levarán a cabo un Folión que partirá do CENTRAD ás 17.00 horas e onde todos os alumnos e alumnas que queiran participar irán marcando os ritmos característicos do Folión. Faranse paradas en distintas rúas e prazas do centro da cidade e realizaranse pequenas intervencións con bailes e cantos típicos do entroido.

Con esta saída polo centro da cidade pretenden que todo o público lle de a benvida ao Entroido e poida participar de maneira activa acompañando os toques do folión e facendo posible que unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do patrimonio cultural, permaneza viva ao longo do tempo.

Dende a Asociación convidan a todos aqueles que queiran participar no Folión pode levar bombos ou “ferramentas” (sachos, cunchas, latas, cornos, chocas, axouxeres…) O percorrido previsto ten a saída dende o CENTRAD ás 17.00 horas, continuará pola Rúa Montevideo, Rúa Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, Rúa da Raiña e rematará na Praza Maior.

Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e para conseguilo, realiza asiduamente numerosas actividades como charlas, exposicións, concertos, ou xornadas que achegan a numeroso público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.

UNHA ASOCIACIÓN CREADA PARA A PROMOCIÓN DA MÚSICA TRADICIONAL
A AGG conta neste momento con mais de de 800 asociados e asociadas distribuídas por todas as comarcas galegas e na Galicia exterior. A través dos seus asociados a AGG ten presenza na maior parte das asociacións e colectivos culturais que desenvolven actividades en torno á música tradicional no país.

A AGG é a entidade asociativa máis representativa e con maior peso específico no tocante á música tradicional en Galicia.