Skip to main content
Cervo

Industria comprométese a “sumar esforzos” coa Xunta, Alcoa e o comité de empresa para garantir o futuro de Alcoa

Por 15 Decembro, 2023Sin comentarios

O Ministerio de Industria e Turismo trasladou o seu compromiso para traballar e sumar esforzos coa Xunta de Galicia, Alcoa e o comité de empresa para garantir o futuro da compañía.

Así o confirmou a secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, quen presidiu hoxe a reunión da Mesa de Seguimento de Alcoa, convocada polo Ministerio tras coñecerse a decisión da empresa de aprazar temporalmente á construción dun forno de cocción de ánodos na planta de San Cibrao. No encontro participaron representantes da compañía, o comité de empresa, a Xunta de Galicia e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, entre outras autoridades.

Durante a reunión, constatouse o compromiso de Alcoa de manter e cumprir os acordos adquiridos. Desde o momento no que se fixo público o anuncio de Alcoa, o Ministerio de Industria e Turismo implicouse para abordar posibles solucións que garantan a viabilidade e o futuro de Alcoa.

Torró lembrou durante a reunión “o compromiso do Goberno neste asunto e a intención de traballar todas as administracións unidas para cumprir cos compromisos adquiridos por Alcoa”. “Imos sumar esforzos e a trazar unha folla de ruta en beneficio da industria de Galicia e para estudar as necesidades que dean resposta, por unha banda, ás peticións da empresa para manter a viabilidade da planta e, por outra, para garantir os dereitos dos traballadores, respectando os acordos subscritos polas diferentes partes”.

O Goberno recoñece a relevancia dun proxecto como Alcoa non só para a comarca da Mariña, en Lugo, senón para o resto de Galicia, así como para o potencial industrial de todo o país e, por iso, reitera o interese e o compromiso en traballar para garantir o futuro da empresa e os seus traballadores.

As partes acordaron volver reunirse a principios do ano que vén.