Skip to main content
Lugo

Lara Méndez activa un Plan de Formación para a mellora de emprego

Por 22 Abril, 2021Abril 23rd, 2021Sin comentarios

O Executivo de Lara Méndez destinará 152.369 euros a un novo Plan de Formación dirixido, nesta ocasión, a 1.120 persoas desempregadas. Unha iniciativa que ten por obxectivo, proporcionar á cidadanía o acceso aos certificados profesionais en diferentes sectores, acadando maiores oportunidades laborais segundo as condicións do mercado actual, favorecendo a súa promoción profesional e fomentando a súa inserción.

“Trátase – segundo sinalou a propia rexedora – dunha mostra máis do noso compromiso polas políticas activas de emprego, nun momento especialmente delicado pola situación de pandemia mundial, sen precedentes, que nos tocou vivir. E que, nunha etapa de crise nos obriga a aproveitar oportunidades para reinventarnos atopando na formación a ferramenta indispensable para levalo a cabo”.

Baixo esa premisa, a Xunta de Goberno Local aprobaba hoxe a apertura do procedemento de contratación desta iniciativa que se enmarca dentro da Estratexia Global de Dinamización, Reconstrución e Reactivación da Economía Local do Concello de Lugo deseñada por Lara Méndez xa en marzo de 2020.

Os empregos, elaborados pola área de Desenvolvemento Local, recollen a esixencia de que as empresas adxudicatarias asuman tanto a organización como a programación, execución e divulgación de diferentes accións formativas con docencia especializada en catro bloques ou lotes: a atención a dependentes, a creación de páxinas web, a adquisición de competencias clave en matemáticas e na linguaxe, con 15 prazas en cada un dos módulos, e outro máis enfocado á impartición de docencia online con alcance para 1.000 persoas.

A alcaldesa explicou que a escolla destes contidos “obedeceu á necesidade de que os perfís laborais actuais se axusten ás carreiras profesionais con maiores expectativas de inserción, tendo en conta os novos condicionantes do mercado de traballo”.

“Por iso – engadiu Méndez – o primeiro dos lotes versará sobre formación en atención a persoas dependentes co ánimo de adquirir destrezas sobre o apoio na recepción e acollida destas persoas en institucións sociais, a organización de actividades, animación sociocultural, e mesmo para mellorar a comunicación con elas”.

A rexedora deu conta, alén, de que o lote número 2 centrarase na confección e publicación de páxinas web – “xa que a COVID-19, puxo de manifesto a necesidade de contar con persoal cualificado nesta materia e sería un erro ignorar que o tecido empresarial tende á súa transformación dixital, a través da incorporación das Novas Tecnoloxías para as súas vendas, visibilidade e presencia nas redes”.

A competencia xeral deste módulo oriéntase á creación de páxinas web integrando textos, imaxes e outros elementos, utilizando a linguaxe de marcas e editores apropiados – segundo especificacións e condicións de usabilidade dadas – e realizar os procedementos de instalación e verificación das mesmas no servidor correspondente.

En canto ao terceiro lote, que contará con dúas edicións para cada unha das tres especialidades que recolle, persegue a obtención de competencias clave tanto en matemáticas (identificar os elementos matemáticos presentes na realidade e aplicar o razoamento matemático na solución de problemas relacionados coa vida cotiá, utilizando os números e as súas operacións básicas, as medidas, a xeometría, a álxebra e a análise de datos) como en comunicación en lingua galega e castelá (comprensión adecuada do contido fundamental de textos escritos sinxelos e producións orais, participar en interaccións orais respectando as normas de convivencia así como a construción de textos sinxelos relacionados coa vida profesional e cidadá, con coherencia e cohesión textuais, e corrección gramatical).

A este respecto, a alcaldesa destacou a valía dos “certificados de profesionalidade” que obterán as e os beneficiarios do Plan, “como unha das ferramentas cada vez máis importantes para a mellora da empregabilidade” e indicou, que se ben as persoas asistentes á formación que se imparte no Lote 1 e 2 obterán a habilitación para poder exercer xa neses sectores, o alumnado da oferta lectiva correspondente ao Lote 3 adquirirá as competencias clave que resultan chave para acceder logo á formación de nivel superior e á correspondente certificación profesional.

Xa para finalizar, o último dos bloques, terá un alcance de 1.000 persoas ás que se lles ofertarán cursos online mediante unha plataforma telemática.

“Impartiranse un mínimo de 100 accións formativas pertencentes a diferentes familias profesionais (actividades físicas e deportivas; administración e xestión agraria; artes; comercio e márketing; edificación e obra civil; electricidade e electrónica, enerxía, informática; mantemento de vehículos, imaxe persoal, etc) desenvolvéndose todas elas a través de aulas virtuais titorizadas por docentes especializados”, referiu Lara Méndez que mencionou que algúns cursos como o de manipulador de alimentos, ofimática, community manager ou xestión de vendas serán de obrigada oferta.

“Debido ao contexto actual, considérase fundamental desenvolver actuacións prioritarias e eficaces pertencentes a diferentes eidos e sectores preofesionais, co obxecto de capacitar e axudar a mellorar a empregabilidade da cidadanía, favorecendo a utilización de ferramentas dixitais e fomentando o desenvolvemento neste tipo de competencias”, sostivo a rexedora.

Lara Méndez explicou, asemade, que o período de actividade desta plataforma online será dun ano e a matriculación de persoas interesadas nas diferentes accións permanecerá aberta os sete días da semana, as 24 horas do día.

Alcance e contido do Plan de Formación

A alcaldesa de Lugo referiu que este Plan conleva para as adxudicatarias dende a selección das persoas beneficiarias – previa comunicación á correspondente Oficina de emprego do SPEG – á impartición da docencia específica nas especialidades relacionadas anteriormente, a mecanización e xestión da documentación de toda a formación adxudicada, así como o establecemento do seguimento continuo das e dos participantes a través do acompañamento e titorización, ao longo da súa formación.

As empresas interesadas en concorrer á convocatoria deberán presentar unha memoria detallada das accións a desenvolver, con descrición da metodoloxía a empregar, temporalización, instalacións, persoal adscrito, ferramentas informáticas, instrumentos de avaliación e deberán adxuntar, ademais, outra memoria co plan de divulgación e difusión así como dispoñer dos medios técnicos para o correcto desenvolvemento das actividades, a maiores de contar con profesorado que reúna as condicións esixidas na lexislación.

“É fundamental tamén – subliñou Lara Méndez – que presenten alomenos dous compromisos ou convenios asinados con diferentes entidades relacionadas coa temática da acción formativa onde o alumnado poida realizar as prácticas non laborais correspondentes ao certificado de profesionalidade, e que acrediten a súa solvencia técnica coa realización, como mínimo, de 3 accións formativas similares de 300 horas en cada unha”.

Os labores de docencia especializada das horas teóricas realizaranse nas instalacións e as aulas das que dispón o Concello de Lugo – no seu centro de formación e orientación laboral Espazo>Lab -, en aulas homologadas pola Xunta de Galicia ou noutras habilitadas para o mesmo fin.

“A premisa é que as clases se realicen de forma presencial mais, en previsión de posibles limitacións ou restricións orixinadas pola evolución da pandemia, as adxudicatarias terán que establecer medidas de actuación para o seu desenvolvemento de forma telemática”, indicou a rexedora.

Xa para concluír, Lara Méndez trasladou tamén que “deberán realizar, alomenos, unha acción de sensibilización en materia de igualdade e perspectiva de xénero e axustar o horario lectivo para propiciar a conciliación familiar do alumnado, que poderá dispoñer dunha axuda económica ou bolsa municipal que cubra até o 75% do IPREM, suxeita sempre e, en calquera caso, á súa asistencia”.

O Concello efectuará, pola súa parte, os correspondentes controis tanto de asistencia como de cumprimento do contrato, durante a realización das accións pero tamén de forma previa e posterior ás mesmas.

Este novo Plan de Formación engádese á iniciativa Fórmate Lugo coa que o goberno de Lara Méndez impartiu, tralo confinamento, máis de 50 cursos a 500 persoas, empresas e autónomos da cidade co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade e a viabilidade dos seus negocios e tamén ao Fórmate Xa, un programa da área de Xuventude con 6 accións de formación no sector agroalimentario e de servizos – onde faltan profesionais – dirixido á un cento de mozas e mozos de 18 a 35 anos.

Medidas que se suman aos 3 millóns de euros das axudas directas do Reanima, ás artelladas agora a través do 1% do orzamento e da Dinamización Económica dos Barrios – dotadas de 1 e 1’4 millóns de euros, respectivamente; á Estratexia Lugo Transforma – que mobiliza 12 millóns de euros máis – ou á Mesa para a Diversificación Industrial cos que o executivo local supera un investimento global de 20 millóns de euros para loitar polo crecemento da cidade e o mantemento dos postos de traballo.