Skip to main content
Ribadeo

Modepen A Mariña cre que a localización do centro de saúde de Ribadeo “ten graves inconvenientes para os usuarios”

Por 14 Decembro, 2023Sin comentarios

O colectivo de pensionistas da Mariña de Modepen, Movemento de Pensionsitas de Galicia, ven analizando dende hai varias semanas a localización do futuro Centro de Saúde que proxectan a Xunta de Galicia e o Concello de Ribadeo.

Como é sabido a localización elixida para ese proxecto sería nuns terreos enfronte da estación de servizo, ou sexa a un quilómetro do centro actual e do casco urbano e zona comercial de Ribadeo. “Dende o noso punto de vista esa localización presenta graves inconvenientes para os usuarios e usuarias do devandito servizo. Fundamentalmente pola distancia e tamén polas dificultades de acceso ao mesmo, circunstancias especialmente gravosas para as persoas da terceira idade, como tamén para o resto da veciñanza”, din. No concello de Ribadeo residen mais de 3.000 persoas de mais de 65 anos e “arredor de un 75-80 % teñen a súa vivenda habitual no casco urbano. Moitos de eles temos que acudir acotío aos servizos sanitarios por razóns obvias. Entre 60-70 persoas acuden a diario a facer análise e unhas 500 ou mais van ao centro por outros motivos”, engaden.

Pola outra banda “todos sabemos que no centro de casco urbano hai moitos espazos e solares baleiros que poderían servir para construír ou instalar un novo centro de saúde, sen necesidade de ter que desprazarse a un punto tan lonxano e tan incómodo ou mesmo perigoso como o que se proxecta. “Folga subliñar que moitas persoas terían que desprazarse en automóbil dependendo de familiares, veciños ou taxis. Tampouco entendemos, nin coñecemos informes que acrediten as dificultades que podería ter a reforma e a modernización do centro actual, seguramente moito menos custosa que a construción de un novo equipamento”.

Asemade “damos conta de que no pleno  do Concello do pasado día 4 de decembro aprobouse unha partida de 250.000 euros dentro dos presupostos de 2024 para financiar a merca dos devanditos terreos enfronte da estación de servizo”, din dende o colectivo.

Pola nosa banda “seguiremos agardando a resposta do alcalde e anunciamos que iniciaremos actividades sociais para informar á veciñanza deste proxecto e da importancia, para todos e todas, de que se busque unha nova localización do futuro centro de saúde de Ribadeo ou ben se acometa a reforma e modernización do actual”.