Skip to main content
O Vicedo

Natureza e música nas actividades socioculturais do Vicedo

Por 3 Agosto, 2021Sin comentarios

Vense de publicar a programación sociocultural prevista para este mes de agosto e está dominada polos xa habituais Mércores de natureza, xa que hai un total de 5 actividades de natureza ao longo do mes.

Concretamente o 4 de agosto ás 9.45 horas será a ruta de sendeirismo Costa de Loiba-Barqueiro-Vicedo, que ten un total de 20 quilómetros e utilizando o bus para os desprazamentos, o mércores 11 ás 10.00 horas será a quenda da ruta Mirador de Muronovo-Morgallón-Ribeiras do Sor de 8 quilómetros, e tamén da ruta en kayaks de Ribeiras ao Vicedo por un prezo de 17 euros. O transporte é gratuíto en bus dende a casa da cuultura ás 10.00 horas.

O 18 de agosto ás 16.30 horas será a xeoruta, que percorrerá parte da costa do Vicedo, concretamente pola contorna de Ponte Segade. O punto de encontro será na casa da cultura e a visita farase en coches aprticulares.

O mércores 25 e o 1 de setembro, ás 10.30 e 16.00 horas respectivamente, será a baixada do río Sor en kayaks con saída en furgonetas dende o Porto do Vicedo ata Ribeiras do Sor onde se embarca nos kayaks para baixar ata o Vicedo.

Para estas actividades é necesaria a previa anotación no teléfono 982 590 195.

Por outra banda o xoves 5 haberá unha exposición, Autómatas, de Kinetico, na casa da cultura e o sábado 7 un espectáculo do Mago Antón na rúa do Porto.

Tamén haberá tempo para a música o venres 13 coa actuación da charanga feminina Brassica Rapa ás 21.00 horas polas rúas, e a música de Patricia González e Alejandro Babuena en Acordeireta ás 21.30 horas na terraza da casa da cultura.

O Concello tamén comunicou que o xoves 12 de agosto ás 20.30 horas entregaranse os premios do Concurso de Fotografía Turismo Vicedo.