Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Petroglifos de Outeiro reciben a catalogación de BIC

Por 19 Novembro, 2022Novembro 21st, 2022Sin comentarios

Uns petroglifos atopados no ano 2013 por un veciño de Friol recibiron a catalogación de Ben de Interese Cultural por parte de Patrimonio, tras a xestión realizada polo colectivo Patrimonio dos Ancares.

No ano 2013, o veciño de Friol Diego Viñas observou uns gravados realizados nunha pena granítica situada no paseo fluvial de Friol, moi preto do río Narla. Integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegáronse ata o lugar para comprobar a tipoloxía e de cantos petroglifos se trataba, labor nada doada a simple vista debido á forte erosión das figuras. Despois de varias visitas, utilizando distintas técnicas fotográficas (luz nocturna indirecta e fotogrametrías) realizadas por Álex Negreira, verificaron que na parte superior e máis lisa da pedra hai uns 4.000 anos insculpiran varias figuras compostas por unha combinación de catro círculos concéntricos con coviña central da que parte un apéndice, unha combinación de tres círculos concéntricos con coviña central, e un círculo simple. Nas inmediacións hai outra pena con oito cazoletas e pías.

Nos anos 2016 e 2021 informaron dos achados ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia en Lugo para que procederan á súa catalogación. O día 15 de novembro de 2022 recibiron a contestación onde comunican que, despois da correspondentes comprobacións, os seus arqueólogos verificaron que, efectivamente, trátase duns petroglifos prehistóricos, asignándolle o código de catalogación GA27020347.

Ao tratarse duns gravados prehistóricos e segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, pasan a ter a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), gozando dende este momento da máxima protección legal.

No concello de Friol localízanse unhas 40 penas con petroglifos o que o converte nun referente na arte rupestre ao aire libre da provincia de Lugo, tanto pola cantidade como pola calidade dos motivos gravados.

Tamén comunicaron a catalogación dun interesantísimo ben patrimonial en Martul (Outeiro de Rei), solicitude que realizaron no ano 2017. Trátase dunha pedra reutilizada na casa reitoral onde se ve a representación dunha figura humana de trazos ben definidos que debuxan o corpo, brazos, pernas e cabeza onde se aprecian a boca e os ollos.

A tradición oral di que apareceu nunha mámoa, se ben descoñécese en que lugar se atopaba este enterramento. A primeira e única referencia a esta singular peza débese a Guerra Mosquera no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1976). Como hipótese por atoparse descontextualizada, quizais representaría a unha divindade feminina espida, unha deusa da fecundidade.