Skip to main content
Viveiro

PP e BNG critican ao Concello pola situación do traslado á escola vella de Celeiro da EOI

Por 16 Marzo, 2021Sin comentarios

A portavoz do BNG en Viveiro, Míriam Bermúdez e o deputado parlamentar, Daniel Castro, reuníronse coa directiva de Aspanane para poñer en común a resposta remitida pola Secretaría de Estado de Relacións coas Cortes á pregunta feita polo deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, sobre o estado de tramitación da cesión da escola vella de Celeiro á Consellería de Educación da Xunta e ao Concello de Viveiro.

Tendo en conta os datos que aporta a TXSS, o BNG de Viveiro rexistrou unha serie de preguntas para seren contestadas pola Alcaldía en relación ao trámite de cesión, “xa que o concello, como administración implicada, debería ser coñecedor desde novembro do 2020 que non é posible a cesión como estaba prevista”.

Por outra banda, o BNG no Parlamento Galego presentará unha pregunta na comisión correspondente para obter información clara e concisa do proceso en relación aos trámites que lle corresponden á Xunta de Galiza, así como tamén e de novo no Congreso a través do deputado Néstor Rego, de cales son as actuacións que a TXSS está tramitando actualmente para conquerir este proceso e cal é o motivo polo que non se tramita unha cesión gratuita do inmoble dacordo co apartado 4 do artigo 107 da Lei da Seguridade social que especifica 4. Os bens inmobles do patrimonio da Seguridade Social que non resulten necesarios para o cumprimento dos seus fins, e respecto dos cales non se considere conveniente o seu alleamento ou explotación, poderán ser cedidos gratuitamente para fins de utilidade pública, cando neste proceso se cumpre o obxectivo de ofrecer un servizo público.

PARTIDO POPULAR

Pola súa banda, o Partido Popular tamén fixo unha valoración da situación. “Cando os xestores públicos son incapaces de resolver os problemas que afectan directamente aos cidadáns, as sociedades teñen un grave problema. Iso é o que ocorre en Viveiro, cuxo goberno municipal non logra dar solución a cuestións tan relevantes para moitos cidadáns como é a consecución do local para a residencia da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspanane) de Viveiro, actualmente ocupado polo Escola Oficial de Idiomas (EOI). O grupo municipal do PP, á vista da negativa da Tesourería Xeral da Seguridade Social a ceder o colexio Vello de Celeiro para acoller a EOI, insta á alcaldesa María Loureiro e ao seu equipo a buscar fórmulas alternativas”, din.

Segundo explican, a citada asociación ten a súa sede na planta baixa do edificio no que, no primeiro piso, está ubicada a Escola Oficial de Idiomas. O traslado da EOI á escola vella de Celeiro, posibilitaría que Aspanane ocupase a primeira planta para convertela en residencia. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, di que unha vez máis se pon de manifesto a total falta de peso político da alcaldesa socialista, que non consigue que o Goberno “amigo” de Pedro Sánchez ceda a antiga escola. Rodríguez di: “É especialmente chamativa esta decisión do Goberno despois de que en Cervo se trasladou a escola infantil á Casa do Mar despois de lograr a súa cesión, tras largas xestións coa Dirección Xeral de Costas, a Tesourería Xeral  da Seguridade Social e a Dirección Xeral de Patrimonio do Estado”.

Os populares de Viveiro destacan o gran labor que leva a cabo a asociación Aspanane e fanse eco da preocupación desta entidade polos continuos retrasos nas xestións para conseguir o local que precisan para abrir a moi necesaria residencia. Rodríguez insta “á alcaldesa a que se poña as pilas e, baixo a fórmula que sexa, se reubique a Escola Oficial de Idiomas, para que a asociación poida converter os locais que hoxe ocupa a EOI en residencia”.

Rodríguez destaca: “Unha vez máis, queda de manifesto a incapacidade de xestión do goberno de Viveiro, que, cando non é por unha cousa é por outra, non consigue solucionar os problemas que afectan aos cidadáns. A súa falta de peso político e de relevancia no seo do PSOE supón unha grave rémora para Viveiro, e especialmente para aqueles sectores socialmente máis necesitados de atención. Urxe que a señora Loureiro se poña as pilas e busque unha solución para que ASPANANE poida dispoñer canto antes do local que precisa para abrir a súa residencia”.