Skip to main content
Ribadeo

Teatro, actividades, música ou charlas conformar a axenda cultural de Ribadeo para o primeiro trimestre de 2024

Por 20 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Teatro afeccionado, actividades para a picaraxada, música ou charlas conformar a axenda cultural de Ribadeo para o primeiro trimestre de 2024, que foi presentada pola concelleira Begoña Sanjurjo. 

A edil de Cultura contou que “comezamos a presentación desta programación trimestral, que xa tivo como saben neste mes varios eventos vinculados á época de Nadal, inmersas nunha proposta da Área de Igualdade que ten tamén un cariz cultural. Hoxe mesmo, na Casa do Viejo Pancho, o público xeral terá ocasión de ver o documental Chicas nuevas 24 horas, un traballo audiovisual de Mabel Lozano, que analiza o tema da trata de mulleres. E este domingo comezamos a programación de teatro afeccionado cunha obra que estaba prevista para a Mostra de Teatro Daniel Cortezón e que daquela tivo que adiarse. Sempre é un pracer para o público ribadense recibir ao grupo de  Barreiros  Ollomao, que nesta ocasión contan con veciñas nosas no elenco representando O traballo de Andrea”. 

Sanjurjo dixo que “o teatro amador vai estar presente en todo o semestre co grupo A Adala, que representará Marina Club polas parroquias. En concreto nestes tres meses acudirán a Vilela, Couxela, Ove, Vilaselán e Arante. En canto ao teatro profesional, Sarabela Teatro ofrecerá dúas funcións do éxito de Sechu Sende Made in Galiza. Unha será para público xeral e a outra para os centros de ensino dentro do noso ciclo de actividades para escolares O Concello cos coles. O coñecido actor de teatro, cine e televisión Avelino González, ofreceranos unha sesión de Contos de contrabando”.

As pícaras e os pícaros tamén gozarán de actividades estes meses: “e no apartado de produción teatral profesional temos tamén as propostas para público infantil, para acudir con toda a familia. Comezamos en xaneiro con Dun can de palleiro, da compañía lucense Lilá Teatro. En febreiro Elefante elegante representa Cubo e en marzo visítanos Os Monicrekes de Kukas con Viva Vivaldi!. O Día de Rosalía celebrarémolo con varios scape rooms na Biblioteca Municipal Viejo Pancho. Neste trimestre temos por suposto o Antroido, cuxa programación será obxecto dunha presentación propia”.

A concelleira de Cultura seguiu a relatar que “poderemos acudir tamén a diferentes charlas e presentacións. É o caso da do libro Universo Aurora Sampedro Piñeiro, de Manuel Rivero Pérez que será unha homenaxe á ciencia en feminino; Pasado, presente e futuro do forte de San Damián no 400 aniversario da súa construción, da man de Alberto Paraje; e Los guardianes del mar. Homenaje a los torreros de los faros, con Enrique Pérez-Campoamor. Canto á música, temos coma sempre as propostas das dinámicas entidades culturais do concello enriquecendo a oferta. É o caso da que organiza este domingo ás 18.00 horas na escola vella de Rinlo A Tribo da Travesía arredor da música de tango, da man de Damián Foretic, e a Coral Polifónica de Ribadeo interpretando o seu concerto sacro a continuación do pregón da Semana Santa”.

Sanjurjo subliñou que “finalizamos coa proposta estrela destes meses. Para celebrar o Día Internacional da Muller, actuarán en Ribadeo Fillas de Cassandra. María Soa (voz, percusión e piano) e Sara Faro (voz e percusión) conforman este dúo, un dos proxectos máis interesantes do panorama musical galego e estatal. E este vai ser o corpo central da nosa oferta cultural para o trimestre á que probablemente se irán sumando outras iniciativas das que iremos dando conta puntual”.

A edil lembrou que “quen queira recibir semanalmente no seu enderezo electrónico as novas dos eventos culturais pode solicitalo dirixíndose á Area de Cultura do Concello de Ribadeo”.