Skip to main content
Lugo

Xuventude abre o prazo de inscrición para os sete novos cursos do programa +Xti

Por 12 Febreiro, 2024Sin comentarios

O Goberno local, a través da concelleira de Deportes e Xuventude que dirixe Jorge Bustos, abre este luns o prazo de inscrición para diversas actividades enmarcadas dentro do +Xti, unha programación organizada polo Concello de Lugo e subvencionada polo Plan Nacional de Drogas. En total, ofértanse sete cursos centrados en dous campos profesionais diferentes: a hostalaría e a construción.

Deste xeito, as persoas interesadas poderán introducirse nos oficios de cociña, camareiro-barista e control de acceso. Ademais, aquelas persoas interesadas en acadar un emprego no mundo da edificación poderán especializarse nos oficios de operario de carretilla elevadora, traballos en altura, instalación de placas solares ou manexo de plataforma elevadora móbil de persoas. Esta oferta está dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 39 anos.

“É necesario informar a nosa mocidade sobre as consecuencias do consumo de drogas ao tempo que ofertamos alternativas de ocio e actividades formativas para xerar camiños alternativos ao consumo”, sinalou Bustos, que se apoia na información coma un recurso necesario para tomar decisións intelixentes, informadas e autónomas. “Unha sociedade máis culta, máis informada e mellor formada sobre as drogas será máis capaz de convivir nun mundo no que estas existen, reducindo o risco de establecer con elas relacións conflitivas engadiu.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da web. A selección realizarase por rigorosa orde de entrada das solicitudes, ata esgotar as prazas, 200 en total, se ben terán preferencia as persoas desempregadas. Para máis información pode contactarse a través do teléfono 982 297 837.