Skip to main content
ActualidadeBurela

O alcalde de Burela critica á Xunta por non concederlles ningún dos cursos de desempregados solicitados

Por 20 Decembro, 2018Sin comentarios

O alcalde, Alfredo Llano, critica á Xunta por non terlle concedido ao Concello burelés cursos do Plan FIP este ano, a pesares de solicitar catro que teñen unha grande demanda entre os desempregados. O rexedor asegurou que se está a desviar esta formación ao sector privado das academias en detrimento das administracións locais.
Alfredo Llano contou que “o Concello de Burela caracterízase, desde sempre, por contar cunha formación que favorecese á aquela xente que estivese no paro para poder formarse e reinsertarse no mundo laboral. Desde fai moito tempo, e nesta última lexislatura que estamos aquí, tivemos ocasión de solicitar accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas no noso concello, a través dos plans que tivesen unha boa formación, cursos de calidade e que estiveran orientados e que fosen aproveitados”.
O rexedor burelés lembrou que “o ano pasado demos seis cursos destes, que tiveron moito éxito, sobre todo os de axuda no fogar, atención sanitaria e todo o que conleva a atención ás persoas maiores. Tamén abarcábamos outros de oficina e de tipo tecnolóxico, dentro do contexto que nós víamos da xente desempregada tratar de formala da mellor maneira posible”.
Llano explicou que “este ano solicitamos catro cursos, un deles de atención sociosanitaria a persoas dependentes e institucións sociais, porque ten moitisima demanda de alumnado, se hai capacidade para 15 xa se completan inmediatamente, porque hai moitisimo interese en facer este curso, xa que sabe a xente que unha vez que remata é moi fácil conseguir traballo. Tamén solicitamos operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais porque este é polivalente para oficinas e tivo moito éxito na xente que o fixo, saen preparados para atender en calquera tipo de oficina e de administración. Consideramos que estaba motivado para que a xente se animara a facer estes cursos, para despois completar a súa formación e atopar un traballo que lle fose bo. Outro curso que solicitamos foi o de operacións de gravacións e tratamento de datos e documentos aplicando as novas tecnoloxías, e outro de dinamización de actividades de tempo libre educativo, infantil e xuvenil, para este agora hai moita demanda e por iso pareceunos ben solicitalo”.
O alcalde seguiu a relatar que “a resposta da Xunta de Galicia é cero patatero, este ano non nos dan ningún curso. A disculpa que sacan é que como ten aspecto competitivo, as administracións métense a loitar co sector privado e por algunha razón estase favorecendo que estes cursos se dean no sector privado, en academias, etc…, e se deixe de lado ás institucións, sabendo que as institucións deben dar parte desta formación. Somos coñecedores de primeira man das necesidades formativas, dado que hai unha conexión total co INEM e sabemos perfectamente as demandas que hai, que tipo de formación é a mellor e a máis equilibrada, hai neutralidade e transparencia e procuramos que a reinserción laboral sexa en firme, e cal é a nosa sorpresa que este ano non se dá ningún curso destes catro ao Concello de Burela”.
Alfredo LLano engadiu: “agora nos din que esteamos pendentes de se hai algunha renuncia por parte das academias dalgún curso, e min paréceme que isto é unha falta total de seriedade. Que se enfoque todo no sector privado é moi preocupante, a Xunta debe estar máis preocupada de atender á administración e que esta responda ante os retos laborais das necesidades que hai en cada un dos concellos, e non que se dedique a repartir estes cursos para impartilos nas diferentes entidades particulares e privadas. Eu entendo que tamén deben levar algo, pero debe haber para todos, para as administracións e para o sector privado, sempre defendendo o porqué hai que dar determinada formación.
Antes facíase con responsabilidade propia da provincia de Lugo, non facía falta que isto fora a Santiago. Este ano non houbo ningunha decisión en firme tomada na provincia de Lugo, pasou todo a Santiago e dende alí distribuíron deste xeito tan extraordinariamente negativo para os Concellos, e concretamente para o Concello de Burela”.