Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

O BNG reclama a intervención da Sepi en Alcoa

Por 3 Xaneiro, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O BNG participou na concentración dos e das traballadoras de ALCOA ante a sede da Xunta en Santiago para reclamar a continuidade da actividade e do emprego da factoría da Coruña e comparte co cadro de persoal que, a estas alturas, a solución pasa pola intervención da factoría para, desde o sector público, buscar unha solución de futuro. 

“A solución para garantir a actividade e o emprego na planta de ALCOA é a intervención”, recalcou o candidato á Alcaldía da cidade herculina, Francisco Jorquera quen, xunto coa portavoz municipal, Avia Veira, e o deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, acudiron á concentración.

Jorquera lembrou que a planta xa foi de titularidade pública como Inespal antes de ser vendida a ALCOA “nunha operación prexudicial para o Estado porque a venda estivo acompañada dunha serie de garantías para a empresa que implicou que se perdese diñeiro na operación”. Agora, a intención da multinacional e pechar a factoría sen permitir a súa venda porque o único que lle interesa e quedarse coa cota de mercado.

“ALCOA non inverteu na planta da Coruña e agora que ten a cota de mercado quere pechar e ademais non quere que se venda a planta da Coruña, simplemente quere cerrar, deixar aos traballadores na rúa e quedarse coa cota de mercado”, argumentou Jorquera.

Por iso, “e fronte a prácticas mafiosas deste estilo o Estado ten mecanismos para resolver a situación e un deses mecanismo sería que a SEPI se faga cargo da planta, é dicir, que se interveña a planta, e que sexa a SEPI a ferramenta pública que busque comprador”, explicou o candidato nacionalista, quen refuta o argumento de que a nacionalización non é posible.

“O que non é de recibo é que se nos diga que esa é unha política de nacionalización que non ten cabida no Estado español cando asistimos sempre a nacionalizacións inversas. A banca privada que da perdidas, nacionalizase con diñeiro público para saneala e logo regalala ao sector privado. Se ese tipo de nacionalización vale, con máis sentido tería que valer a nacionalización dunha factoría que da traballo a centos de persoas na Coruña e que é peza clave no tecido industrial da comarca”, destacou Jorquera. “Polo tanto o BNG apoia esa demanda de intervención dos traballadores e esiximos á Xunta de Galiza que tamén se implique en facer viable esa solución”, concluíu.

Pola súa parte o deputado Xosé Luís Rivas, trasladou a solidariedade do BNG co cadro de persoal concentrado ante a sede da Xunta “coa súa loita que é a loita deste país”. 

MARCHA NA COSTA

Por outra banda, os traballadores de Alcoa realizaron entre Ribadeo e a localidade asturiana de Vegadeo, a través da N-642 unha marcha protesta. Nesta actuación estivo presente o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez. O obxectivo desta manifestación foi reclamar un tarifa eléctrica que responda ás necesidades das grandes producións.

Fernando Suárez manifestou que “estamos facendo este percorrido desde a vila de Ribadeo ata o cruce de Porto, onde aproximadamente unhas cincocentas persoas estamos indo a pé durante estes oito quilómetros da N-642, para reunirnos cos representantes da factoría asturiana de Avilés que tamén pende no fío do peche, igual que toda esta xente que ven de A Coruña e tamén de Alcoa San Cibrao”.

O alcalde ribadense subliñou que “é unha loita unida entre todos para conseguir que se reverta este peche que parece probable por parte desta factoría desa multinacional americana”.

Para Suárez Barcia “faise necesario ser competitivos e ter unha tarifa eléctrica que responda ás necesidades destas grandes producións porque está moi ben ter comercio, está moi ben ter o sector servizos, pero necesitamos ter un sector secundario tamén importante que manteña o tecido produtivo do noso país”.