Skip to main content
Actualidade

Os senadores do PP lamentan a paralización de proxectos por parte de Pedro Sánchez

Por 11 Xaneiro, 2019Sin comentarios

Os representantes populares lucenses no Congreso dos Deputados, Jaime de Olano e Joaquín García Díez, amosan a súa “preocupación” ante a “paralización e a falta de información sobre os proxectos importantes para a provincia de Lugo” por parte do Goberno do socialista Pedro Sánchez.

De Olano e García Díez teñen rexistrado varias preguntas para coñecer a situación dalgúns proxectos que contaban con respaldo nos Presupuestos Xerais do Estado para o 2018 aprobados polo Goberno popular co voto en contra do Partido Socialista. “O silencio derivado da falta de resposta dentro dos prazos legais establecidos fainos sospeitar da paralización dos mesmos”, indican os deputados do PP.

Concretamente, os deputados populares teñen solicitado información sobre a execución dos plans de conservación das estradas porque “o Goberno non está xestionando nin executando as partidas desta materia en moitos puntos da rede de estradas do Estado na provincia. Un claro exemplo atópase no tramo da N-120 entre Monforte e Valdeorras sobre o que a comisión da A-76, a autovía alternativa para comunicar ambas comarcas, nin sequera falou durante a súa reunión con Fomento a pesar de recoñecer o seu mal estado”.

Igualmente, dende o Grupo Parlamentario Popular no Congreso interesáronse polas accións urxentes puntuais en diversos tramos das estradas N-VI, ao seu paso por Outeiro de Rei, a N-540, a N-642 ou a A-54.

“Chama a atención que tendo o orzamento e os proxectos aprobados aínda non se mellorara o lamentable estado do firme en moitos destes tramos. Pero tamén sorprende que no caso de obras acometidas en relación a algúns destes proxectos dende o Goberno digan que foi grazas á chegada dun Goberno socialista sensible cos lucenses”, apuntan.

Ferrocarril
García Díez cre que “esta preocupación é aínda maior cando falamos de asuntos relacionados co ferrocarril”. Nese sentido, o popular recordou que “o Goberno do PP presentou en Lugo no mes de maio os proxectos de renovación da liña e a construción de variantes entre Ourense-Monforte e Lugo, ademais da súa total electrificación”. Pero, “nada se sabe sobre a situación actual destas inversións previstas nos orzamentos do Estado para o 2018”.

É máis, para o deputado do PP queda aínda máis claro que “o Goberno de Pedro Sánchez non fixo nada a este respecto nos últimos seis meses” porque “tal e como recollen os medios en relación ao encontro entre responsables de Fomento e do Eixo Atlántico onde daban a coñecer a ausencia de prazos e estudos para as novas variantes a construír entre Os Peares e Canaval e entre Monforte e Rubián”.

Así as cousas, os deputados lucenses do Partido Popular avanzan que “trataremos de obter resposta oral na Comisión de Fomento en canto o calendario de sesións o permita”. Os deputados populares anunciaron que estarán vixiantes ante posibles incumprimentos de proxectos que xa adquirira o Goberno do PP coa provincia e esixentes para que non se desvíe nin un só euro dos proxectos comprometidos con Lugo.

Datos sobre as pensións, o emprego e os impostos
Pola súa banda, o deputado Jaime de Olano explicou que co PP as pensións subiron 108 euros de media por pensionista entre o 2012 e o 2018, o que supuxo un incremento medio dun 18%. En concreto, grazas aos Presupostos aprobados polo PP en 2018 as pensións subiron un 3% -as mínimas e as non contributivas-, un 7,7% as de viudez e un 1,6% o resto. Unha suba que supuxo preto de 20 millóns para os máis de 110.000 pensionistas lucenses. Para este ano o PP deixou incluído un incremento similar que agora o Goberno fai seu pese a ter votado en contra reiteradamente. Grazas ás medidas do PP en 2019 ata 6.000 nais traballadoras verán incrementada a súa pensión ata un 15% e función do número de fillos.

O acordo asinado polo Goberno do PP cos sindicatos da función pública en marzo de 2018 permite que o seu salario se incremente ata un 8,7% ata o ano 2020. Os preto de 20.000 empregados públicos na nosa provincia viron subir o salario un 1,75% en 2018 e verán unha suba do 2,25% este ano.

En canto aos impostos, as baixadas ordenadas polo PP desde o 2015 ata o 2018 os lucenses viron como dispuñan de máis de 120 millóns de euros nos seus petos, uns 400 euros por contribuínte lucense en baixada de impostos. No caso oposto está o PSOE quen anuncia unha brutal suba de impostos como o IRPF ou o imposto de sociedades, así como coa imposición de novos impostos, o que afectará a todos os lucenses; aos 174.000 propietarios de vehículos diésel ou aos 34.455 autónomos lucenses.

Olano precisou que “co esforzo de todos e as políticas sensatas do PP España, Galicia e Lugo foron capaces de superar a peor crise económica que se recorda. A súa política de anuncios, rectificacións e globos sondas o único que fan é xerar desconfianza entre os cidadáns ao tempo que se observan signos claros de desaceleración económica. A receita do Goberno é máis gasto, máis déficit, máis débeda e, como consecuencia do anterior, moitos máis impostos. Cremos que debe baixar das nubes, cumprir coa súa palabra e convocar eleccións de xeito inmediato”.

En canto aos datos do emprego, os populares fan fincapé nunha diminución do ritmo de creación de emprego, de feito en 2018 creouse menos emprego que os tres anos anteriores. Así, dos 210.000 parados menos, dous terzos producíronse nos primeiros seis meses do ano, é dicir, co PP no Goberno. “Onde o PSOE antes vía precariedade laboral agora presume de creación de emprego indefinido, todo un exercicio de funambulismo político moi propio do Señor Sánchez, capaz de dicir unha cousa e a contraria sen poñerse colorado”, critica Olano.