Skip to main content
ActualidadeBurela

O novo pavillón de deportes é unha ilusión, dí o PP burelés

Por 7 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O presidente do PP burelés, Manuel Rouco, pediulle ao alcalde, Alfredo Llano, “decencia política, que debe vir marcada por non mentir e pola coherencia, á vista do que está pasando co pretendido novo pavillón que Llano pretende construír”.
Rouco indica que “o pasado 21 de decembro, tanto no pleno que ese mesmo día se celebrou coma por escrito e a través do rexistro electrónico, o Grupo Municipal Popular solicitou copia da documentación referida ao novo pavillón. E á vista da resposta que o propio alcalde traslada o pasado 27 de decembro, temos que concluír que o pretendido novo pavillón de deportes anunciado xa hai dous anos polo alcalde é unha ilusión que só está no seu maxín”.
O presidente popular asegura que “ademais da memoria de cinco folios entregada no seu día a unha administrativa da Secretaría Xeral para o Deporte (que cifra o importe do que se pretende construír en nove millóns de euros), existe o informe de taxación elaborado pola arquitecta técnica municipal con data de 21 de setembro pasado e que cifra a mesma para as catro parcelas a adquirir en  280.361’43 euros, algo que xa coñecíamos”.
Pero Manuel Rouco indica que “ademais, hai un informe técnico municipal de 26 de setembro que suspende a tramitación do expediente por existir unha fiscalización do gasto con reparo ata que este sexa solventado polo Pleno ‘como consecuencia da inexistencia de crédito suficiente e axeitado’. E advirte de que ‘no caso de que non se doten os créditos para gastos suficientes e axeitados no Orzamento para o exercicio en curso coa finalidade de facer fronte ás cantidades necesarias para levar a cabo a expropiación proposta, os acordos que se acadasen ao respecto serían nulos de pleno dereito”.
Rouco engade que “o propio alcalde elabora un informe para levar a cabo o contrato do servizo de valoración de 4 parcelas sitas na Rúa Torques de Burela, informe de 26 de outubro que culmina o 29 do mesmo mes coa contratación dunha empresa de Benidorm, Alicante, por importe de 580’80 euros para levar a cabo tal valoración. Esta actuación do alcalde supón poñer en entredito o informe elaborado pola arquitecta técnica municipal polo que cabe preguntarse que intereses está buscando ou protexendo Alfredo Llano”.
Para o presidente local do PP, que lembra que “non existe máis documentación no Concello sobre o novo pavillón”, está claro que “por un lado, non hai partida orzamentaria para levar a cabo a adquisición dos terreos, pero tampouco hai un expediente para mobilizar parte do remanente que se pode dispor para esta finalidade. E por outro, estamos ante a dúbida de se o alcalde pretende beneficiar ou prexudicar aos propietarios, dado que encargar un segundo informe de taxación, logo de que a técnica municipal tivese elaborado o seu e a petición da alcaldía, non deixa de xerar dúbidas. En todo caso, demostra que o alcalde só fai caso dos informes dos técnicos municipais cando lle interesa”.
Os populares de Burela aseguran que “estamos practicamente igual que en xuño do ano pasado. Non hai partida orzamentaria nos presupostos deste ano, nin anteproxecto de obra nin modelo de convenio para o seu financiamento”. Polo tanto, “o alcalde incumpre o que el mesmo prometeu”, conclúen.