Skip to main content
Actualidade

Máis de 2.500 persoas desfrutaron no Nadal das actividades organizadas pola Deputación na provincia

Por 8 Xaneiro, 2019Sin comentarios

A programación de Nadal na Provincia que organizou, entre o 22 de decembro e o 6 de xaneiro o Goberno da Deputación contou coa participación de máis de 2.500 veciños durante as pasadas festas de nadal, datos que expuxo a Deputada de Cultura, Pilar García Porto, “desde o Goberno da Deputación consideramos que esta programación foi un éxito, pois os rapaces gozaron destas actividades de lecer nunhas datas tan especiais para eles como son as do nadal”.

García Porto destacou tamén “a boa acollida destas actividades por parte dos concellos e dos veciños, xa que as actividades sempre contaron cun público moi participativo e interesado que o pasou en grande. Asistiu moito público familiar e nalgunha das actividades houbo que solicitarlles aos adultos que quedaran fóra, para que máis cativos puideran acceder ata completar o aforo”.

“Quero poñer de relevo que nalgunha das actividades, como A Gata con Zocas en Antas de Ulla participaron preto de 200 persoas, enchendo a casa da Cultura, e tamén as actuacións do Baúl do Mago e O Planetario Ciencia Kids, completaron os seus espazos en practicamente todos os pases. Estamos moi satisfeitos co balance total e agardamos que esta boa acollida se repita no resto de actividades que organizamos dende o Goberno da Deputación noutras datas do ano” recalcou a Deputada.

En total, foron máis de 100 actividades totalmente de balde as que ofertou o Goberno da Deputación en 63 Concellos da provincia dende o 21 de decembro e ata o 6 de xaneiro para dinamizar a actividade no rural e achegar alternativas de ocio a todos os lucenses.