Skip to main content
ActualidadeBurela

Burela deu luz verde á ordenanza reguladora do uso do auditorio nun pleno extraordinario

Por 9 Xaneiro, 2019Sin comentarios

Burela aprobou inicialmente no pleno extraordinario celebrado esta mañá o orzamento de 2019 que ascende a máis de 7 millóns de euros. Na sesión tamén se deu luz verde á ordenanza reguladora do funcionamento e uso do auditorio municipal.
O alcalde, Alfredo Llano, explicou que “aprobamos os orzamentos para este ano para o Concello de Burela que ascenden a 7.060.000 euros aproximadamente. É un orzamento moi realista e que conta con moitos recursos propios. Non puxemos nestes orzamentos toda a contía que pode vir a posteriori de diferentes subvencións e de diferentes achegas, senón que é un orzamento pensado para atender ás necesidades de servizos, de atención a todo aquilo que poida ser orzamentado para os servizos en beneficio de todos os veciños e veciñas de Burela”.
O rexedor engadiu que “outro dos acordos foi a estimación dun recurso que presentou unha empresa para a bonificación do ICIO, cando se fai aquí unha obra e se considere que é de interese público. Nosoutros temos unha normativa aquí no Concello coa que se aplica unha bonificación do 90%. Cando foi a primeira obra que se fixo do Hospital da Costa, que agora xa está rematada tanto dos aparcamentos como a zona que se empregou para diferentes servizos do hospital, no seu momento a empresa que levaba a responsabilidade das obras solicitou esta bonificación. Como daquela entendemos que era un servizo supramunicipal non tiña porque recibir unha bonificación do Concello de Burela. Naquel momento rexeitámola e agora, dado que van volver solicitala para facer a segunda parte da ampliación do hospital, visto que houbo outros Concellos que ao final tiveron que realizar a bonificación, nosoutros antes de que iso suceda e teña que ir o Concello de Burela a xustificarse a un xulgado, imos aplicar a bonificación a esta obra dado que hai que considerar que é de interese xeral. Por iso aprobamos a estimación de recurso que fixo esa empresa no seu momento”.
Alfredo Llano salientou que “tamén nos parece importante que saíra para adiante a ordenanza reguladora do funcionamento e uso do auditorio municipal. Fíxose un regulamento onde vai recollido todo para beneficiar que haxa moita actividade no auditorio. Consideramos que a defensa da cultura en todas as súas vertentes é moi importante para os nosos veciños e veciñas e para a comarca, e agora temos un regulamento que fará que estea todo claro á hora de ofertar un espectáculo público. Era algo que se necesitaba, foi aprobado por unanimidade polos tres grupos e vaise poñer en funcionamento o antes posible”.
Finalmente o alcalde dixo que “outro tema que se aprobou foi a contratación do servizo de recollida de residuos urbanos. A empresa que está agora remata o 31 de marzo, e polo tanto para esa data temos que ter licitado unha nova empresa para que se faga cargo da limpeza, da recollida de residuos urbanos, da limpeza das praias e a xestión do punto limpo”.