Skip to main content
ActualidadeXove

O Concello de Xove reparte exemplares do libro sobre a baleeira de Morás

Por 10 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O Concello de Xove regalou exemplares do libro que elaborou o departamento de Investigación Social titulado Baleeira de Morás, libro basado na historia da empresa ubicada antigamente nesta parroquia xovense.
A publicación forma parte do proxecto Xove mirando ao mar e é unha especie de guía sobre a historia da caza de cetáceos na zona, sendo Morás o último porto baleeiro do Cantábrico. A antiga factoría funcionou entre os anos 1965 e 1977 e ata agosto de 2015 conservouse a antiga edificación.
O contido do libro fala das relacións laborais e das condicións dos empregados da fábrica, neste caso mulleres, xa que foi unha das primeiras oportunidades para o traballo remunerado e feminino na zona. A Baleeira de Morás foi a primeira xeradora de emprego asalariado de Xove, representou o achegamento das mulleres ás formas de traballo industrial que xa se desenvolvían en Europa e outras zonas de España dende o século XIX
O libro recolle tamén unha reportaxe fotográfica de veciños de Xove que traballaron na coñecida baleeira, unha das tres que funcionaron en Galicia no século XX, xunto coas de Punta Balea en Cangas do Morrazo e a Caneliñas en Cee.
O libro foi promovido pola área de didáctica do IES Illa de Sarón de Xove e contou coa colaboración da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).
A obra forma parte do proxecto Xove Mirando ao Mar, que promove o Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local. Ademais o programa axuda na elaboración dun documental que contará o funcionamento das instalacións demolidas no 2015 e recollerá a memoria das veciñas e traballadoras.