Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

Mondoñedo inscribe un inmoble en ruínas no Rexistro de Solares do Concello

Por 15 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O Concello de Mondoñedo vén de inscribir a finca 25054 -o número 13 da Rúa Bispo Sarmiento- do Rexistro da Propiedade de Mondoñedo no Rexistro de Solares do Concello. Ao mesmo tempo, comunica a inscrición ao Rexistro da Propiedade de Mondoñedo, en aplicación do artigo 137.3 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, de solo de Galicia, aos efectos da anotación correspondente, así como ao propietario.
Previamente declarouse a ruína do inmoble ordenando a execución de obras de consolidación da fachada do edificio. Ante o incumprimento reiterado da orde de execución, o Concello impuxo dúas multas coercitivas (o 23 de marzo e o 30 de xuño de 2018) sen que o titular, unha entidade bancaria, chegara a cumprir a orde de execución.
Ao non efectuarse a rehabilitación por parte do propietario e ante e inexistencia de partida orzamentaria suficiente para acordar a execución subsidiaria da orde de rehabilitación, pode apreciarse a concorrencia dun suposto de ineficacia de medidas de execución forzosa polo que, ao amparo da Lei do Solo de Galicia, o Concello procede á inscrición do edificio no Rexistro de Solares municipal.
O edificio sairá a poxa pública
A inscrición no Rexistro Municipal de Solares habilitará ao Concello para tramitar a venda forzosa do inmoble nos termos establecidos na lexislación do solo de Galicia. O Goberno local, no prazo máximo dun ano desde a súa inclusión no inmoble no Rexistro de Solares, sacarao a poxa pública co tipo de licitación que resulte da valoración do inmoble.
Se a poxa fose declarada deserta, o Concello no prazo de seis meses poderá adquirir o inmoble con destino ao patrimonio público do solo ou convocarase de novo, no mesmo prazo, con rebaixa do prezo tipo nun 25%.
Se a segunda poxa tamén quedase deserta, o Concello no prazo doutros seis meses poderá adquirir o inmoble con destino ao patrimonio público do solo polo prezo de licitación da segunda poxa.
Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia
O Goberno local agarda “con expectación” a lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia. A norma que pretende facilitar a recuperación de centros históricos e núcleos rurais e protexer as edificacións históricas foi aprobada no Consello da Xunta deste xoves 10 de xaneiro para a súa remisión ao Parlamento.
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, asegura que “a estratexia pasa por ofrecer axudas aos propietarios dos inmobles que precisen ser intervidos”. Con todo, anuncia “contundencia na aplicación da normativa para os propietarios que desoen todas as ordes e requirimentos”.